Mundo
O Congreso dos Estados Unidos céntrase na formación da lingua chinesa
Un proxecto de lei pendente no Congreso dos Estados Unidos podería aumentar considerablemente as clases de chinés mandarín para estudantes estadounidenses. A medida, a Lei de compromiso dos Estados Unidos coa lingua chinesa, concederíalles axudas en réxime de concorrencia ás escolas para "establecer, ampliar ou mellorar" as clases de lingua e cultura chinesas.
Fonte: Examiner
A cidade macedonia de Gostivar adopta o turco como lingua oficial
A cidade macedonia de Gostivar comezará a utilizar o turco como lingua oficial, ademais do macedonio e o albanés. Un anteproxecto de lei presentado por membros do Partido Democrático Turco de Macedonia foi aceptado por unanimidade polo Concello de Gostivar e a lei fixo o turco oficial dentro dos límites da cidade de Gostivar.
Fonte: TurkNet
Os nenos de Irlanda do Norte recibirán clases de polaco
Os alumnos de educación primaria de Irlanda do Norte poderán recibir clases de polaco a partir de setembro. O Ministerio de Educación afirmou que 25 escolas xa optaron por ofrecer clases para os nenos ata o cuarto curso de primaria.
Fonte: BBC News
Un total de 126 universidades estranxeiras ofrecerá estudos en catalán o próximo curso
Un total de 126 universidades estranxeiras, de 33 países diferentes, ofrecerá estudos en catalán o curso 2009-2010 grazas á subvención do Institut Ramon Llull (IRL), que aumentou estes convenios en catro centros máis, e gastará 1,8 millóns de euros.
Fonte: Europa Press
Máis de 60 linguas nativas sobreviviron á conquista en Colombia
O español é o idioma oficial de Colombia, pero subsisten, ademais, arredor de sesenta linguas nativas que non foron abolidas pola presenza española, segundo destacaron en Madrid diversas personalidades ligadas ao estudo da lingua e da historia colombiana.
Fonte: ADN
Existe marxe para mellorar o uso do alemán na Unión Europea
Aínda existe marxe para mellorar o número de documentos traducidos ao alemán polas institucións europeas, a pesar do recente aumento no número de funcionarios alemáns na Unión Europea que empregan a súa lingua nativa profesionalmente, segundo afirmou a directora do Instituto Goethe de Bruxelas, Margareta Hauschild, a EurActiv nunha entrevista.
Fonte: EurActiv
Unha parlamentaria do PNV trata de reivindicar o éuscaro durante a súa intervención na Eurocámara
Izasku Bilbao comezou en éuscaro a súa primeira intervención ante o Parlamento Europeo. A eurodeputada do Partido Nacionalista Vasco quixo así reclamar a oficialidade do vasco na cámara.
Fonte: COPE
O Parlamento húngaro pídelle a Eslovaquia que revoque a lei da lingua
Os grupos políticos presentes no Parlamento de Hungría asinaron unha declaración conxunta na que apelan a veciña Eslovaquia a revocar a nova lei sobre o uso da lingua. Dado que afirman que a lei é parcial e vai contra a minoría étnica húngara e outras, todo o espectro parlamentario de Hungría acordou que a lei violaba o tratado básico existente entre os dous países, así como outros acordos internacionais, e que é contraria aos esforzos da Unión Europea por promover a diversidade cultural.
Fonte: Xinhuanet
A maioría unionista de Córsega impide a oficialidade do idioma corso
O corso non será declarado lingua oficial de Córsega, polo menos de momento. 28 dos 51 deputados da Asemblea da illa rexeitaron unha moción presentada por Corsica Nazione Indipendente (CNI) para que o corso fose equiparado ao francés dentro de Córsega.
Fonte: Móndivers
O freo ao uso da lingua tibetana nuns exames deixa ao descuberto a política chinesa de marxinación no Tíbet
Un caso recente de prevención forzosa aos candidatos sobre o uso da lingua tibetana nuns exames no Tíbet deixou claramente ao descuberto a política do Goberno chinés de impoñer o uso da lingua chinesa para marxinar a lingua tradicional dos tibetanos e a negación da igualdade de dereitos nas nacionalidades do Tíbet, segundo afirmaron fontes do Tíbet.
Fonte: TibetCustom
Boletín
Subscríbase ao boletín