Mundo

Lanzan unha campaña de comunicación para promover a aprendizaxe do alemán en Alsacia

Na rexión francesa de Alsacia vén de lanzarse unha campaña de comunicación para a promoción da aprendizaxe do alemán a través de carteis que pretenden convencer da utilidade de practicar a lingua alemá.

Fonte: France 3

A dislexia varía segundo a lingua que se fale

Os nenos de fala chinesa con dislexia sofren un trastorno que é esencialmente diferente, e probablemente máis complicado e severo que o dos nenos disléxicos que falan inglés.

Fonte: Europa Press

Varios países propoñen que o portugués sexa lingua de traballo na Unesco

O proxecto foi presentado polas delegacións de Brasil, Portugal e cinco países africanos lusófonos. No documento resáltase que falan portugués máis de 250 millóns de persoas e xa é lingua de traballo na Unión Europea, na Unión Africana e nas cúpulas Iberoamericanas.

Fonte: Jornal Feira Hoje

Francia impulsa un plan para mellorar o ensino das linguas

Os rapaces franceses normalmente dedícanlle anos a aprender linguas estranxeiras no colexio, pero os resultados son con frecuencia desalentadores. Por iso, o presidente Nicolas Sarkozy impulsa un plan de emerxencia para que as escolas consigan que haxa máis estudantes bilingües.

Fonte: Education Week

O Goberno boliviano ordena utilizar a lingua de signos en colexios e medios

O consello de ministros aprobou un decreto para que as canles de televisión obrigatoriamente utilicen un intérprete de lingua de signos para persoas xordas, nun dos seus informativos diarios polo menos e no sistema educativo nacional.

Fonte: La Prensa

Google incorpora o maorí ao seu sistema de tradución Toolkit

O maorí xa está incluído en Google Translator Toolkit, xunto con outras 284 linguas máis. Durante os últimos 18 meses, Google estivo investigando como a incorporación de linguas minoritarias nas súas aplicacións pode axudar a conservar estas linguas vivas e diversificar así o acceso a estas nun mundo global.

Fonte: The National Business Review

Telesur emitirá telexornais en portugués para Guinea-Bisau, Angola e Mozambique

A canle de televisión estatal venezolana Telesur prevé iniciar en breve a emisión de telexornais en lingua portuguesa para Guinea-Bisau, Angola e Mozambique.

Fonte: Visão

Dúas manifestacións conxuntas de occitanos e vascos pedirán unha lei de linguas "rexionais"

Occitanos e vascos, xunto con bretóns, corsos e alsacianos, manifestaranse o próximo sábado 24 de outubro para pedirlle ao Estado francés que promulgue unha lei que axude a promover as súas linguas. As manifestacións levaranse a cabo en Carcasona e Baiona.

Fonte: EBLUL

Cada vez máis nenos nacidos en Finlandia non falan nin finlandés nin sueco

Un número pequeno pero crecente de nenos nacidos en Finlandia está comezando a escola sen coñecementos de finlandés nin sueco. En Helsinki, por exemplo, arredor de dez alumnos do primeiro curso de primaria chegan ao colexio cada ano falando só unha lingua estranxeira.

Fonte: YLE

O ministro sueco de Educación propón introducir o chinés nas escolas

O ministro de Educación de Suecia, Jan Bjorklund, propuxo recentemente que se leve a cabo unha reforma da aprendizaxe das linguas e que se introduza o ensino do chinés nas escolas.

Fonte: People's Daily Online

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder