Mundo

A primeira televisión en quechua comeza a emitir en Ecuador

O quechua é a lingua territorial con máis falantes de todo o continente americano, entre 8 e 10 millóns, distribuídos en sete estados diferentes. Entre as novas iniciativas de promoción desta lingua atópase a primeira televisión en quechua, o Canal 47, que iniciou as súas emisións o pasado mes de xullo en Ecuador e que actualmente ofrece un 30 % da súa programación en quechua, aínda que a canle espera chegar a unha produción do 100 % nesta lingua.

Fonte: Linguamón

O Goberno francés non ten intención de aprobar unha lei de linguas minorizadas

O Goberno de Nicolas Sarkozy non ten intención de aprobar lei ningunha para protexer os idiomas diferentes do francés. Afirmouno o ministro de Inmigración, Integración, Identidade Nacional e Desenvolvemento Solidario, Éric Besson, que defendeu as potencialidades do marco lexislativo actual e alertou dos perigos, segundo el, que tería a adopción dunha lei que protexa o catalán, o occitano, o vasco ou o bretón.

Fonte: Móndivers

Ankara autoriza a lingua e a cultura curdas a saír da clandestinidade progresivamente

É o primeiro signo visible do recoñecemento da lingua curda en Turquía. Os paneis de sinalización bilingües, en turco e en curdo, apareceron arredor de Diyarbakir (sueste), a finais de novembro.

Fonte: Le Monde

A Xunta de Galicia participa no seminario de planificación organizado pola Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística

Técnicos da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia desprazáronse estes días a Dublín (Irlanda) co fin de participar nas xornadas de debate sobre estratexias de planificación lingüística, promovidas pola Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD) ou Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística.

Fonte: Xunta de Galicia

A Fundación da Lingua Española promoverá o ensino do español en Brasil e Estados Unidos

A Fundación da Lingua Española encara o próximo exercicio co obxectivo de impulsar a promoción do idioma español en universidades e empresas de Brasil e Estados Unidos e de fomentar o bilingüismo en Castela e León.

Fonte: Norte de Castilla

Os venezolanos frean a extinción de dous idiomas indíxenas

Lingüistas venezolanos resaltaron o éxito dos chamados nichos lingüísticos nos pobos indíxenas amazónicos bare e baniva, que lograron reverter o proceso de extinción desas dúas linguas.

Fonte: Prensa Latina

Os dominios de internet .eu xa están dispoñibles en todas as linguas da UE

Os cidadáns, empresas e organizacións europeas xa poden rexistrar nomes de sitios web .eu utilizando caracteres das 23 linguas oficiais da Unión Europea. Este avance foi posible grazas á nova normativa adoptada pola Comisión en xuño de 2009.

Fonte: Euroalert.net

Exipto sobe arquivos a internet para impulsar os contidos en árabe

Exipto empezou a facer dispoñibles en internet os seus arquivos nacionais en árabe, despois de rexistrar o pasado mes de novembro o primeiro nome de dominio no mundo nese idioma.

Fonte: El Mundo

Segundo un estudo, só o 4 % da publicidade fai un uso incorrecto da lingua francesa

Segundo un estudo realizado pola Autoridade de Regulación Profesional da Publicidade (ARPP) sobre o uso da lingua francesa na publicidade, só o 4 % das propagandas fai un uso incorrecto deste idioma.

Fonte: Actualitté.com

Publican en Porto Rico un dicionario de anglicismos contra o uso de palabras herdadas do inglés

A Academia Portorriqueña da Lingua Española publicou un dicionario de anglicismos para frear as palabras herdadas do inglés presentes no castelán falado na illa e mellorar así a calidade da lingua materna.

Fonte: Visão

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder