Mundo

O Goberno de Canadá apoia a conservación dunha lingua aborixe

O Goberno de Canadá anunciou financiamento para a Sociedade Cultural U'mista para o seu proxecto "Falando coa tecnoloxía". Este financiamento permitirá que a Sociedade cree gravacións de vídeo e son dos falantes máis maiores da lingua kwak'wala.

Fonte: Marketwire

Desenvolven en Colombia unha aplicación que ensina idiomas en Facebook

A aplicación, creada para a rede social Facebook, chámase Doctor Arrogant, e foi desenvolvida para practicar e aprender idiomas a través dun videoxogo no que o doutor Arrogant probará a ignorancia do mundo cunha serie de retos lingüísticos en inglés, portugués, francés, italiano, alemán, entre outros, e que, de ser superados, salvarán o mundo dos seus macabros plans.

Fonte: Caracol Radio

Expertos internacionais reivindican en Brasil o uso das linguas nos medios de comunicación e as novas tecnoloxías

Responsables da BBC, ARTE TV, O Globo e Televisión de Cataluña, entre outros, debaten en São Paulo (Brasil) que papel deben desempeñar os medios de comunicación e as novas tecnoloxías na difusión e preservación das linguas.

Fonte: Linguamón

O Instituto Cervantes de Pequín recibe un premio pola súa promoción do español

O Instituto Cervantes de Pequín recibiu un premio pola súa promoción do español, concedido pola plataforma web chinesa de mensaxería instantánea QQ.

Fonte: Instituto Cervantes

O Instituto Camões e a Universidade de Maputo (Mozambique) crean unha cátedra de investigación da lingua portuguesa

O Instituto Camões e a Universidade Eduardo Mondlane de Maputo crearon unha cátedra de Portugués lingua non materna destinada á investigación da lingua e que inclúe a outros catro países ademais de Mozambique.

Fonte: Diário de Notícias

TV5 Monde subtitula a súa programación en nove idiomas

A canle de televisión francófona incorpora o xaponés nos subtítulos, idioma que se suma aos xa existentes inglés, árabe, español, portugués, holandés, alemán, romanés, ruso e francés.

Fonte: SatCesc

Sacerdotes de Montreal móstranse preocupados polo bilingüismo da Igrexa

En Montreal, a maioría das comunicacións da Igrexa católica son actualmente bilingües, feito que preocupa a varios sacerdotes que recentemente lle escribiron ao cardeal Turcotte (arcebispo da diocese de Montreal) para pedirlle que free a expansión do inglés nesta diocese.

Fonte: Le Devoir

Marrocos porá en marcha unha canle de televisión en lingua tamazight

Marrocos disporá a finais de ano dunha canle de televisión pública en lingua tamazight, unha iniciativa moi esperada pola importante comunidade bérber que ve nesta canle un medio para preservar unha cultura e unha lingua marxinadas durante moito tempo.

Fonte: Le Figaro

A comunidade lusófona espera unha aplicación lenta do acordo ortográfico

A Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) considera "irreal" fixar unha data de aplicación do acordo ortográfico para unificar a lingua lusa e cre que a adaptación á norma será "lenta" e a ritmos diferentes.

Fonte: EFE

O mirandés precisa dun instituto ou fundación que represente os seus intereses

É urxente a creación dun organismo público que represente os intereses da lingua mirandesa para que, deste xeito, a segunda lingua oficial de Portugal deixe de ser tratada e estudada dunha forma voluntaria.

Fonte: Jornal de Notícias

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder