Mundo

A Unesco advirte sobre a extinción de linguas orixinarias en América Latina

A Organización de Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) advertiu sobre o perigo de extinción para máis de 248 linguas orixinarias de América Latina e fixo un chamamento aos gobernos para protexelas, xa que forman parte dos dereitos culturais das persoas.

Fonte: El Universal

O catalán é a lingua máis utilizada en Andorra

A porcentaxe de tempo na que se utiliza o catalán é do 42 %, mentres que no caso do castelán é do 41,5 %. O francés rexistra unha porcentaxe do 7 % e o portugués, do 7,5 %, segundo un estudo do Centro de Investigación Sociolóxica.

Fonte: Llibertat

Máis de 12 millóns de falantes de quechua en América Latina poderán obter tecnoloxía na súa lingua materna

No marco do Día Internacional da Lingua Materna 2010, festexado pola Unesco, Microsoft anuncia tres iniciativas como parte do seu Programa de Idiomas Nativos que permite ás comunidades de idiomas locais descubrir, compartir e desenvolver terminoloxía de tecnoloxías da información no seu idioma nativo.

Fonte: PC World Latin America

A educación bilingüe en Guatemala avanza devagar

Un profesor para cada 128 alumnos. Se falamos de educación bilingüe, a relación entre mestres e alumnos en Guatemala é abismal, xa que só 7.000 profesores ensinan en idioma maia a unha poboación de 900.000 nenos falantes desta lingua, o que fai que moitos pequenos teñan que aprender nun idioma que non é o seu, que desde os primeiros anos cheguen a unha escola onde nin sequera poden entenderse cos profesores.

Fonte: El Periódico de Guatemala

España asina un acordo con Filipinas para promover o ensino do español

España axudará a Filipinas a impulsar o ensino do español nas escolas públicas do país asiático, segundo un acordo bilateral asinado en Barcelona. Actualmente, o estudo do español é voluntario no sistema educativo de Filipinas, antiga colonia española. O goberno do arquipélago asiático quere estender o ensino desta lingua a partir de 2012.

Fonte: EcoDiario

Os eurodeputados cataláns farán fronte común polo catalán na Unión Europea

Os eurodeputados cataláns farán fronte común asinando unha mesma folla de ruta para mellorar o recoñecemento da lingua catalá na Unión Europea. Será a sociedade civil e en concreto a asociación Horizonte Europa a que force a CiU, PSC, ERC e ICV a poñerse de acordo e comprometerse a dar pasos concretos para resolver neste mesmo 2010 e coincidindo coa presidencia española a situación de práctica inexistencia que padece o catalán nas institucións europeas.

Fonte: Avui

As universidades de Venezuela deberán incluír intérpretes de lingua de signos venezolana

O Ministerio para a Educación Superior levou a cabo a primeira mesa de traballo para crear o cargo de intérprete de lingua de signos venezolana, que se deberá incluír a partir deste ano 2010 en todas as institucións de educación universitaria do país.

Fonte: El Universal

O proxecto PANl10 traduce a diferentes linguas maternas de Asia, como o urdú e o tibetano, un grupo de ferramentas informáticas

Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Lingua Materna, o pasado 21 de febreiro, o Centro Internacional para o Desenvolvemento e a Investigación de Canadá, a través de Pan Asia Networking (PAN), deu a coñecer os resultados do seu proxecto PANl10, que quere promover o uso das novas tecnoloxías en Asia nas linguas maternas do continente.

Fonte: Linguamón

O Goberno vasco renova a colaboración co Organismo Público da Lingua Vasca en Francia

O Goberno vasco renovou o convenio co Organismo Público da Lingua Vasca para promover o éuscaro no País Vasco francés, ao que achegará 470.000 euros. O viceconselleiro de Política Lingüística, Ramón Etxezarreta, e o presidente do Organismo Público da Lingua Vasca asinaron en Baiona o anexo do ano 2010 deste convenio.

Fonte: Diario Vasco

Un ministro alemán promove o seu idioma no exterior

Guido Westerwelle, ministro de Relacións Exteriores de Alemaña, vai lanzar unha campaña mundial para promover a súa lingua. Westerwelle dixo que a campaña, chamada "Linguaxe de ideas", busca animar a xente nova a aprender alemán.

Fonte: Univisión

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder