Mundo
O Parlamento turco aproba unha lei sobre o uso das linguas nas campañas electorais
O anteproxecto de lei das eleccións que permite a publicidade en linguas distintas do turco foi aprobado no Parlamento. A lei indica que o turco é a lingua principal para realizar a publicidade, aínda que non se prevén accións legais contra o uso doutras linguas.
Fonte: World Bulletin
Crean alfabeto para a tribo kikapú de México e Estados Unidos

O Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia (INAH-Conaculta) coparticipa na creación dun alfabeto kikapú que poida usarse entre os aproximadamente 700 membros desta tribo binacional. Os kikapús son, xunto cos seris, o grupo lingüístico indíxena do país con menos de mil habitantes. Os seus integrantes comunícanse na súa lingua orixinaria e a maioría coñece e fala o inglés e o español.
Fonte: El Universal
Os eurodeputados apoian os dereitos lingüísticos para os cidadáns europeos nos procesos criminais
Unha abrumadora maioría de eurodeputados da Comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Asuntos de Interior do Parlamento Europeo apoiou o xoves 8 de abril os plans para garantir que os cidadáns europeos poidan recibir servizo de interpretación na súa propia lingua nos procesos criminais noutro Estado membro.
Fonte: EUobserver
A Comisión Europea investiga a discriminación lingüística na compra de vivendas en Bélxica
Un político belga denunciou que certos municipios flamengos próximos a Bruxelas pactan con axencias inmobiliarias favorecer na compra de vivenda privada a belgas de orixe neerlandófona (en prexuízo dos francófonos do país e dos cidadáns doutros países da Unión Europea que non falan flamengo).
Fonte: ABC
As escolas turcas poderían ofrecer clases optativas de lingua armenia
Representantes do Ministerio de Educación Nacional afirmaron que o Ministerio comezou a traballar na introdución da Lingua armenia nas escolas como materia optativa. A iniciativa continuará con clases tamén optativas de árabe e hebreo.
Fonte: History of Truth
China apoia o portugués como lingua de traballo da ONU
China apoia o recoñecemento do portugués como lingua de traballo da ONU, segundo anunciou o ministro de Asuntos Exteriores de Portugal, Luís Amado.
Fonte: Açoriano Oriental
Apple comeza a interesarse polas linguas minoritarias
Apple acaba de presentar a nova versión do sistema operativo do iPhone que dá o primeiro paso no recoñecemento das linguas minoritarias por parte da compañía. O sistema operativo móbil incluirá o catalán como lingua oficial, o que significa que por primeira vez Apple traduce un dos seus produtos a este idioma.
Fonte: Vieiros
As universidades venezolanas incorporarán o ensino do idioma ruso
Durante a visita do primeiro ministro ruso, Vladímir Putin, a Venezuela os dous gobernos comprometéronse a incorporar o estudo e a difusión dos idiomas castelán e ruso en ambos os países no nivel universitario.
Fonte: El Universal
A presidenta de Filipinas recibe un premio por promover o español
A presidenta de Filipinas, Gloria Macapagal-Arroyo, recibirá un premio do Goberno español pola promoción da lingua española en Filipinas.
As escolas gaélicas poderían triplicarse de acordo cos plans para promover a lingua propia
O número de escolas de lingua gaélica en Escocia podería triplicarse e pasar de dúas a seis no prazo de dous anos, de acordo cos plans para aumentar o número de persoas que falan esta lingua.
Fonte: News.Scotland.com
Boletín
Subscríbase ao boletín