Mundo

Varias organizacións piden en Paraguai a promulgación da Lei de linguas

Diversas institucións e organizacións de Paraguai están a levar a cabo unha campaña pola promulgación da Lei de linguas co obxecto de legalizar e poñer en práctica a oficialidade do idioma guaraní.

Fonte: El Mercurio Digital

O Goberno chinés fai presión para reducir a presenza do cantonés na televisión

O Goberno chinés pediulle á televisión da provincia de Cantón que reduza a presenza do cantonés, o dialecto local, e aumente a do mandarín, lingua oficial do país, unha petición que non gustou demasiado aos habitantes da zona, unha das máis ricas do país.

Fonte: ADN

O ministro galés de Educación anuncia un novo plan de acción para as linguas estranxeiras modernas

O ministro de Educación, Leighton Andrews, anunciou un novo plan de acción para apoiar a mellora e a innovación no ensino das linguas estranxeiras modernas. Este plan brindaralles máis oportunidades aos estudantes para mellorar as súas competencias lingüísticas ou aprender unha nova lingua estranxeira como parte de itinerarios de aprendizaxe entre os 14 e os 19 anos.

Fonte: eGov Monitor

A Unión Europea realiza unha campaña para seleccionar lingüistas

As institucións europeas realizarán unha oposición para seleccionar tradutores para cinco linguas. Esta medida irá acompañada unha semana despois doutras para buscar intérpretes para cinco linguas, dado que a Unión Europea intenta abordar a inminente escaseza de profesionais.

Fonte: EurActiv

Portugal e Rusia asinan un programa de cooperación en materia de linguas

Portugal e Rusia asinaron un programa de cooperación nas áreas da lingua, educación, ciencia, tecnoloxía, cultura, xuventude, deporte e comunicación. Na área das linguas, o programa define mecanismos para o intercambio de bolsas entre os dous países destinadas a estudantes, investigadores e profesores de portugués e ruso, e a realización de estudos e iniciativas que teñen como obxectivo a aprendizaxe das linguas portuguesa e rusa a través de plataformas en internet.

Fonte: Mundo Português

Desenvolverán dicionarios ilustrados co fin de preservar as linguas indíxenas de Australia

Desenvolveranse dicionarios ilustrados para un conxunto de grupos indíxenas do oeste de Queensland co fin de garantir a preservación das linguas aborixes. Os dicionarios realizaranse para 14 grupos lingüísticos, que cobren un terzo do país.

Fonte: ABC

O Goberno de Nixeria planea salvar as linguas do país

Godswill Obioma, secretario executivo do Consello de Investigación e Desenvolvemento Educativo de Nixeria, afirmou que o Goberno federal está a traballar para desenvolver unha política lingüística para o país co fin de axudar a salvar as linguas nixerianas que se atopan en perigo de extinción e promover un sentido de nacionalidade.

Fonte: Next

Auméntanlles os salarios aos funcionarios bilingües do Goberno de Sri Lanka

Os funcionarios do Goberno que dominen o támil e o sinhala recibirán un incremento especial no seu salario polo mérito de ser bilingüe no seu debido momento, tendo en conta as medidas previstas polo Ministerio de Linguas Nacionais e Integración Social.

Fonte: Daily News

Un total de trece linguas rexionais en Alemaña corre o risco de desaparecer

Segundo os datos proporcionados pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco), un total de trece idiomas rexionais están ameazados en Alemaña.

Fonte: Alemanja

Abren a primeira canle de televisión en dialecto tibetano khampa no suroeste de China

A primeira canle de televisión por satélite no dialecto khampa, utilizado por 2,4 millóns de tibetanos, foi lanzado oficialmente na provincia suroccidental chinesa de Sichuan, informaron as autoridades locais.

Fonte: Centro de Información por Internet de China

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder