Mundo
O inglés convértese na segunda lingua de Europa
O inglés é a segunda lingua de Europa, pois dous terzos da poboación do continente saben falala, segundo unha enquisa. O estudo determinou que o inglés é a primeira lingua estranxeira estudada nas escolas secundarias de todos os países, agás Gran Bretaña e Irlanda.
Fonte: Telegraph
Os lingüistas descobren unha nova lingua na India
En plena etapa de rápida extinción de linguas, cando se estima que desaparece unha lingua cada dúas semanas, os lingüistas atoparon un pequeno raio de esperanza: unha lingua antes descoñecida para a ciencia no nordeste da India.
Fonte: USA TODAY
Un total de 3.500 alumnos de educación primaria indíxena mexicanos recibe clases de lingua maia
Uns 3.500 nenos de primeiro e segundo grao de primaria indíxena reciben clases de lingua maia como materia regular, polo que a capacitación dos seus mestres será reforzada bimestralmente durante todo o ciclo 2010-2011.
Fonte: La Crónica de Hoy
Unha medida da Asemblea de Gales daríalle ao galés un estatus como o do inglés
Os ministros introduciron máis de 100 cambios a unha medida proposta ou lei do galés sobre a lingua galesa. Afirman que as emendas lle darán a esta lingua un estatus igual que o do inglés e que obrigaría as empresas e institucións públicas a aumentar o uso do galés.
Fonte: BBC
Un estudo apunta que o feito de ser bilingüe podería retardar a aparición do Alzheimer
O Centro Vasco de Cognición, Cerebro e Linguaxe, con sede en San Sebastián, revela que a actividade cerebral que se realiza ao pensar en dúas linguas podería retardar a aparición de doenzas neurodexenerativas como o Alzheimer.
Fonte: EITB
Corea do Sur vai desenvolver un novo exame de lingua coreana para os estudantes estranxeiros
Corea do Sur vai desenvolver un novo exame para avaliar o coñecemento da lingua coreana dos estudantes estranxeiros e expatriados co fin de responder ás demandas do rápido aumento de persoas que buscan formación e emprego no país.
Fonte: Bernama
O Ministerio de Educación de Tailandia proxecta declarar o inglés como segunda lingua nas escolas
O Ministerio de Educación de Tailandia proxecta declarar o inglés como a segunda lingua para o ensino e a aprendizaxe nas escolas co fin de permitir que os tailandeses da nova xeración poidan comunicarse con outras persoas de Asia e do resto do mundo en inglés.
Fonte: Bangkok Post
Paraguai aproba un proxecto de lei de linguas
A Cámara de Senadores de Paraguai aprobou un proxecto de lei de linguas que busca desenvolver unha política lingüística e consolidar a pluriculturalidade e o bilingüismo castelán-guaraní.
Fonte: Prensa Latina
O Goberno de Andorra asina un acordo de colaboración cos grandes almacéns para mellorar a atención dos clientes en catalán
O Servizo de Política Lingüística do Goberno de Andorra asinou un acordo de colaboración cos grandes almacéns para mellorar a atención dos clientes en catalán. O convenio ten como obxectivo inverter unha situación que, segundo o último indicador lingüístico, é claramente negativa en canto á atención aos clientes en catalán.
Fonte: Govern d'Andorra
Ruanda precisa 1.000 profesores de inglés
Ruanda precisa cerca de 1.000 profesores de inglés para que o país poida realizar o cambio do francés ao inglés como lingua de ensino nas escolas. Ruanda busca profesores de Uganda e doutros países veciños para apoiar o seu cambio ao inglés.
Fonte: The New Vision
Boletín
Subscríbase ao boletín