Mundo
Só o 18 % da comunidade armenia de Estambul sabe armenio
O turcólogo Ruben Melkonyan afirmou que a comunidade armenia de Turquía se enfronta a numerosos problemas, incluíndo o da educación. Este indicou que, segundo unha enquisa, só o 18 % da comunidade armenia de Estambul sabe armenio e usa esta lingua.
Fonte: PanArmenian
As escolas de Chicago lanzan un ambicioso programa bilingüe
As escolas públicas de Chicago anunciaron un novo programa educativo bilingüe que pon énfase na alfabetización en dous idiomas desde o ensino preescolar ata o final do bacharelato e no mantemento das raíces culturais dos alumnos.
Celébrase o Día da Lingua Islandesa
O Día da Lingua Islandesa celébrase por 15.ª vez con varios actos nas escolas, institucións e organizacións do país.
Fonte: Iceland Review
O holandés conta con 23 millóns de falantes en 18 países
Arredor de 23 millóns de persoas falan acotío holandés en todo o mundo. En total, fálase algunha variedade desta lingua en 18 países. Na antiga colonia de Surinam, o holandés é a primeira lingua do 60 % da poboación, pero estímase que un 90 % sabe falalo.
Fonte: Dutch News
O Ministerio de Educación de Perú busca recuperar a lingua mochica
O Ministerio de Educación de Perú reúne a expertos da cultura e a lingua mochicas para conformar un equipo técnico pedagóxico para a normalización do alfabeto mochica.
Fonte: Con Nuestro Perú
A Unesco está preocupada pola extinción de linguas en África oriental
O atlas da Unesco sobre as linguas do mundo en perigo de extinción sitúa a Kenya entre os países que contan cun maior número de linguas extinguidas. Seis idiomas xa están clasificados como extinguidos e outros sete atópanse ameazados.
Fonte: The East African
O galego súmase á promoción da diversidade lingüística e cultural a través da Expolingua Berlín
A Secretaría Xeral de Política Lingüística participa ata o 21 de novembro na vixésimo terceira edición Expolingua Berlín, onde este ano se dá cita un total de 50 idiomas e 200 expositores procedentes de 30 países.
Fonte: Xunta de Galicia
O croata será a 24.ª lingua oficial da Unión Europea cando Croacia se incorpore á Unión
Os funcionarios tomaron a decisión durante as conversas sobre a incorporación de Croacia unha vez que o capítulo de negociación sobre as institucións estaba pechado. Na maioría dos casos, a UE simplemente acepta a lingua oficial do país candidato como unha das súas linguas oficiais.
Fonte: WAZ EUobserver
A Sociedade de Xordos de Tanzania quere que a lingua de signos sexa constitucional
A Sociedade de Xordos de Tanzania pediulles aos dirixentes dos partidos políticos do país que insten o Goberno a facer que a lingua de signos sexa constitucional. Segundo afirman, isto permitiría que fose unha das linguas obrigatorias en todos os lugares que ofrecen servizos sociais básicos.
Fonte: The Citizen
Promoven o uso das linguas nativas bolivianas nos medios de comunicación
A Fundación UNIR Bolivia e o Observatorio Nacional de Medios promoven o uso das linguas nativas nos medios de comunicación masiva para incentivar a reflexión sobre a interculturalidade.
Fonte: Prensa Latina
Boletín
Subscríbase ao boletín