Mundo
Paraguai aproba a Lei de linguas, que propón a creación da Academia da Lingua Guaraní
O presidente de Paraguai, Fernando Lugo, deu o visto e prace á Lei de linguas, último requirimento necesario para a oficialización do novo instrumento legal. Entre outras cousas, a Lei de linguas ten como un dos seus obxectivos establecer as modalidades de utilización das linguas oficiais (castelán e guaraní) da República de Paraguai.
Fonte: Última Hora
Faltan manuais escolares en braille adaptados ao novo acordo ortográfico da lingua portuguesa
Aínda que o Ministerio de Educación portugués estableceu que as novas regras ortográficas da lingua portuguesa entrarán en vigor o próximo ano académico, aínda non se están a producir manuais en braille adaptados ao novo acordo ortográfico, segundo afirma a Asociación de Cegos e Ambliopes de Portugal (Acapo).
Fonte: Rádio Renascença
En Irlanda só o 3 % dos alumnos de primaria estuda unha lingua estranxeira
O caso irlandés é excepcional en toda Europa, xa que a media europea de alumnos de educación primaria que estuda outra lingua na escola é do 79 %, fronte ao 98 % en España e o 69 % no Reino Unido.
Fonte: Infancia Hoy
O Instituto Vasco Etxepare selecciona lectores de lingua e cultura vascas para catro universidades de Chile e unha de Arxentina
O Instituto Vasco Etxepare, dependente do Departamento de Cultura vasco, abriu a convocatoria para a selección de lectores de lingua e cultura vascas para catro universidades de Chile e unha de Arxentina, para os cursos académicos 2011, 2012 e 2013.
Fonte: 20minutos
Lanzan o primeiro xogo para iPhone en lingua galesa
Lanzouse o primeiro xogo para iPhone en lingua galesa que poderá descargarse de iTunes e cuxos contidos están totalmente en galés. O lanzamento do xogo prodúcese despois da publicación dun curso de aprendizaxe da lingua galesa creado polo profesor Chris Price da Universidade de Aberystwyth.
Fonte: Wales Online
Os estereotipos inflúen no proceso de extinción da lingua maia
A pesar de que o maia é unha das linguas máis faladas en México, con 1,4 millóns de falantes en 2005, os estereotipos da sociedade mestiza cara ao indíxena e a falta de oportunidades para quen adoita empregar linguas nativas como o maia, son dous dos factores que puxeron este idioma nun proceso de substitución lingüística.
Fonte: El Porvenir
Unha conferencia analizará as linguas indo-portuguesas no Museu do Oriente de Lisboa
"As linguas indo-portuguesas: ¿que futuro?" é o tema dunha conferencia pronunciada por Hugo Cardoso, do departamento de Portugués da Universidade de Macau, que terá lugar no Museu do Oriente de Lisboa.
Fonte: Diário Digital
Nace un proxecto editorial para promover as linguas sarda, corsa e catalá
O proxecto Medi Terra, unha colaboración entre tres pequenas editoriais de Córsega, Sardeña e Cataluña, ten como obxectivo achegar as literaturas corsa, sarda e catalá mediante a publicación simultánea de obras orixinais nas linguas de cada un destes lugares.
Fonte: La Mañana
Un informe mostra un acusado descenso do número de alumnos de linguas estranxeiras no Reino Unido
Un informe da Ofsted (Oficina de Normas de Educación do Reino Unido) mostra un acusado descenso do número de alumnos que estudan linguas estranxeiras a partir dos 14 ou 16 anos e indica, ademais, que as clases de francés, alemán e español quedan reducidas a miúdo a técnicas de aprendizaxe de memoria destinadas a preparar os alumnos para os exames.
Fonte: The Telegraph
Falantes nativos do tsuu t'ina e a Universidade de Calgary únense para salvar a súa lingua
A Universidade de Calgary na provincia canadense de Alberta e os membros de goberno da Nación Indíxena Tsuu t'ina comezaron a desenvolver un programa para preservar a lingua tsuu t'ina que está actualmente ao bordo da extinción.
Fonte: Toronto Sun
Boletín
Subscríbase ao boletín