Mundo

Investigadores canadenses e franceses defenden as vantaxes da adquisición de dúas linguas nos cativos

Segundo un novo estudo da Universidade Concordia e a Universidade de York en Canadá e a Universidade de Provenza en Francia, os bebés que aprenden unha segunda lingua desde a infancia están nunha situación de vantaxe respecto aos cativos monolingües.

Fonte: UPI.com

A aprendizaxe de sete linguas nativas de Angola consolidarase este ano académico

O xefe dos Servizos de Lingua Nacional do Instituto Nacional de Investigación e Desenvolvemento da Educación (INIDE), António Chamuongo, afirmou que neste ano lectivo se consolidará o ensino das linguas nacionais na educación primaria. O Ministerio da Educación e o Departamento de Linguas Nacionais elaborou manuais para o ensino do umbundu, kimbundu, kikongo, kwanhama, ianeka, chokwe e nganguela.

Fonte: ANGOP

O Consello Xeral dos Pirineos Atlánticos e a súa Inspección Académica promoverán o ensino en occitano

O Consello Xeral do departamento francés dos Pirineos Atlánticos e a súa Inspección Académica asinaron un convenio para promover o ensino en lingua occitana. No concello de Billère abrirá unha escola bilingüe, a primeira da zona.

Fonte: La République des Pyrénées

Na provincia chinesa de Qinghai formaranse miles de profesores bilingües para escolas de zonas de minorías étnicas

Na provincia chinesa de Qinghai, no noroeste do país, formaranse, ata 2015, 5.500 profesores bilingües para ensinar chinés e linguas das minorías étnicas, principalmente tibetano, en escolas de ensino primario e secundario.

Fonte: News.Xinhuanet.com

O parque nacional escocés do Loch Lomond e Trossachs promoverá a lingua gaélica

O parque nacional escocés do Loch Lomond e Trossachs levará a consulta o borrador do seu programa sobre a lingua gaélica, no que explicará como promoverá o uso da lingua nativa tanto nas autoridades como no propio parque. Segundo a Lei da lingua gaélica do ano 2005, os organismos públicos están obrigados a crear programas de lingua gaélica que garantan un futuro para o gaélico escocés por medio da mellora do seu status e a creación de oportunidades para o seu uso.

Fonte: Stirling Observer

Na cidade canadense de Portage la Prairie ofreceranse clases que axudarán a preservar as linguas indíxenas

Na cidade de Portage la Prairie, na provincia canadense de Manitoba, ofreceranse clases en michif e outras linguas indíxenas como o ojibwa e o cree. Isto non só contribuirá á educación e aprendizaxe destas linguas, senón que axudará aos pobos indíxenas a conectaren coa súa cultura e identidade.

Fonte: The Daily Graphic

A Unesco alerta da vulnerabilidade das linguas orixinarias centroamericanas

As linguas orixinarias de Centroamérica son vulnerables e corren o risco de desaparecer, advertiu a especialista do Programa de Cultura da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) Montserrat Martell, quen destacou que a rexión leva a cabo un proceso de recompilación de información sobre o seu patrimonio inmaterial.

Fonte: European Pressphoto Agency

Un deputado da Asemblea Nacional de Paquistán insta a conceder o status de lingua nacional a todas as linguas rexionais

Un deputado da Asemblea Nacional de Paquistán presentou un proxecto de lei que solicita a concesión do status de lingua nacional para todas as linguas provinciais, entre as que se inclúen o baluchi, o panxabi, o sindi, o pashto, o shina, o balti e o siraiki. Posteriormente e de maneira gradual poderíanse incluír outras linguas.

Fonte: The Express Tribune

Un proxecto impulsado pola Universidade Don Bosco e o Ministerio de Educación do Salvador aspira a salvar a lingua náhuatl

O proxecto concibido polo lingüista salvadoreño Jorge Lemus naceu coa intención de evitar a extinción do náhuatl, unha lingua indíxena falada en Centroamérica. Na poboación salvadoreña de Santo Domingo de Guzmán abriu as súas portas unha gardería e, xunto con outras once escolas do país, arredor de 3.500 nenos reciben clases nesta lingua indíxena.

Fonte: Vanguardia

No departamento peruano de Puno desenvolveuse un foro sobre políticas lingüísticas para promover as linguas vernáculas

A Dirección Rexional de Educación do departamento peruano de Puno organizou o Foro Rexional sobre Políticas Lingüísticas para a Rexión de Puno, onde participaron profesionais da educación bilingüe e expertos universitarios co obxecto de difundir e promover o ensino dos idiomas quechua e aimará en todo o ámbito da rexión.

Fonte: Los Andes

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder