Mundo
Irán propón a creación dunha academia conxunta de países de lingua persa
Con motivo da cerimonia inaugural do Congreso internacional de profesores de lingua e literatura persas que tivo lugar na Universidade de Teherán, o xefe de gabinete da Oficina Presidencial de Irán propuxo a creación dunha academia conxunta de tres países de lingua persa: Irán, Taxiquistán e Afganistán.
Fonte: Tehran Times
Estudantes kurdos reclaman unha educación bilingüe como paso adiante cara á democratización de Turquía
"O ensino non pode deixar fóra a lingua materna" foi a mensaxe dos estudantes kurdos que iniciaron unha mobilización nas universidades despois dun boicot dunha semana nos centros de educación primaria e secundaria nas rexións de maioría kurda en Turquía. Reclaman un dereito simple e natural: acceder ao ensino en lingua kurda.
Fonte: Kurdish Globe
Académicos caribeños avogan en Xamaica por unha maior inclusión das linguas crioulas nos sistemas educativos nacionais
Con motivo dunha conferencia internacional sobre linguas en Xamaica, cincuenta importantes académicos e lingüistas caribeños asinaron un documento que avoga por unha maior inclusión das linguas crioulas nos sistemas educativos nacionais, na esfera política e nas oficinas gobernamentais da zona.
Fonte: Caribbean News Digital
Activistas defensores da lingua galesa interrompen a inauguración do novo centro de arte de Bangor
Activistas da lingua galesa interromperon a inauguración do centro de arte Pontio en Bangor ante a inexistencia de requisitos de competencia en galés para os candidatos que aspiren a traballar no centro.
Fonte: Daily Post
Un proxecto desenvolvido por unha empresa de software e falantes nativos axudará a preservar a lingua inupiaq en Alasca
Indios americanos de Alasca e a empresa de software Rosetta Stone colaboraron nun proxecto para ensinar a lingua inupiaq, falada con fluidez por 1.500 persoas. O proxecto preservará as voces e competencias lingüísticas dos seus falantes.
Fonte: UPI.com
Cidadáns indios de Malaisia reclaman a introdución da lingua támil nas operacións bancarias
O líder da Fronte Progresista India (IPF), partido político que representa a comunidade india en Malaisia, reclamou ao ministerio de finanzas malaisiano a aprobación dunha directiva que garanta o uso da lingua támil nas operacións bancarias.
Fonte: Newstrack India
As linguas vernáculas de Suráfrica están ameazadas a pesar de estar protexidas pola constitución
A constitución surafricana aprobada en 1996 establece como oficiais 11 idiomas e considera que non pode existir discriminación por razón de lingua. Porén, nos últimos anos, a importancia do inglés estase facendo preponderante, as novas xeracións falan máis esta lingua e enfróntanse a unha realidade na que as linguas nativas son cada vez menos útiles socialmente.
Fonte: il Post
No estado mexicano de Michoacán crearase un organismo que terá como obxecto promover e protexer as linguas indíxenas
A Secretaría de Pobos Indíxenas do estado mexicano de Michoacán (SPI) e o Instituto Nacional de Linguas Indíxenas (INALI) asinaron un acordo para crear un organismo que se centrará na promoción, protección e desenvolvemento das linguas indíxenas.
Fonte: MiMorelia.com
Estudantes de ensino secundario da provincia italiana de Udine cursarán materias curriculares en lingua friulana
Arredor de 250 estudantes de ensino secundario da provincia italiana de Udine cursarán durante tres meses materias curriculares como Física, Sistemas Eléctricos, Historia, Literatura Grega e Ciencias en friulano. Esta iniciativa forma parte dun proxecto piloto que aspira a introducir a lingua friulana na educación e está financiado pola Provincia de Udine, a Universidade Ca' Foscari de Venecia e a Universidade de Udine, entre outros.
Fonte: il Friuli.it
Un grupo de académicos reclama a promoción da literatura e lingua escocesas nas escolas
Máis de 80 académicos asinaron unha carta dirixida a Michael Russell, o secretario de educación escocés, que reivindica a obrigatoriedade da literatura escocesa no sistema educativo e reclama a introdución da lingua escocesa (ou Scots) nas escolas.
Fonte: STV
Boletín
Subscríbase ao boletín