Mundo

Celébrase en Kuwait o Día Mundial do Hindi

A Embaixada da India en Kuwait organizou un acto para celebrar o Día Internacional do Hindi, no marco dos seus esforzos para promover a lingua e o seu uso.

Fonte: Deccan Herald

Unha actualización da aplicación Google Translate para Android permítelles aos usuarios traducir conversas en español e inglés

Google lanzou unha aplicación que permite que un teléfono móbil traduza unha conversa ao momento. Os usuarios que falan cun dispositivo que teña Android, o sistema operativo de Google, escoitarán as súas palabras traducidas noutra lingua, e a conversa da outra persoa traducirase á lingua orixinal.

Fonte: The Telegraph

Un estudo teme o atractivo do inglés entre os estudantes de ensino superior do Quebec

Na súa busca de mellores oportunidades laborais, un maior número de rapazas e rapaces francófonos asiste a centros de ensino superior anglófonos, o que constitúe unha ameaza para o francés como “lingua común da sociedade quebequesa”. Esta é a conclusión dun estudo realizado pola Central de Sindicatos do Quebec (CSQ), o sindicato que representa a maioría dos profesores desta provincia canadense.

Fonte: The Globe and Mail

A apertura dunha nova escola en Nova Zelandia permitiralles aos alumnos cursar materias curriculares na súa lingua materna

Dúas escolas de Manukau (Nova Zelandia) únense para crear un novo centro de ensino secundario, o Kia Aroha College, que ofrecerá educación bilingüe en maorí, samoano, tongano e maorí das Illas Cook a alumnos de entre 10 e 17 anos.

Fonte: The Aucklander

O estado indio de Kerala reclama o status de lingua clásica para o malabar

O estado de Kerala na India reclama a consideración de lingua clásica para o malabar a través dun comité de expertos creado polo goberno do estado que afirma que a lingua cumpre todos os requisitos para recibir tan cobizada distinción. O malabar, con máis de 30 millóns de falantes, é a única lingua do sur da India que non conta con este recoñecemento do que xa gozan linguas como o támil, o telugú ou o canarés.

Fonte: One India news

Seis municipios do leste de Finlandia solicitan o ensino do ruso como segunda lingua no canto do sueco

Os municipios en cuestión enviarán unha solicitude ao Ministerio de Educación de Finlandia para que se lles dispense da aprendizaxe do sueco. No seu lugar, o alumnado podería escoller entre o sueco e o ruso. Este último parece ser moito máis útil que o sueco na rexión, dada a proximidade coa veciña Rusia.

Fonte: YLE.fi

As escolas do Territorio Norte australiano cínguense ao inglés malia o descenso da asistencia entre os estudantes indíxenas

O goberno do Territorio Norte de Australia defende a política de obrigar a todas as escolas a impartir as catro primeiras horas do día en inglés malia un descenso da asistencia entre os estudantes indíxenas. Os defensores da educación bilingüe atribúen o descenso a esta política introducida en xaneiro de 2009 que tiña como obxectivo incrementar os coñecementos e a alfabetización en inglés do alumnado.

Fonte: The Sydney Morning Herald

Medra a porcentaxe de uso do inglés no ámbito familiar entre a mocidade de Singapur

O último censo mostra que máis mozos e mozas de Singapur falan inglés na casa, o que resulta preocupante polo impacto que isto pode ter na aprendizaxe da lingua materna nas escolas. Entre os malaios de idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos, o 26 % fala inglés na casa fronte ao 9,4 % de hai dez anos.

Fonte: Channel News Asia

A Universidade Federal de Grande Dourados no Brasil apoiará a tradución de documentos cara a linguas indíxenas

A Universidade Federal de Grande Dourados no Brasil participa nun proxecto en colaboración coa Organización Internacional do Traballo (OIT) que ten como obxectivo traducir documentos relativos aos dereitos indíxenas ás linguas guaraní-kaiowá e terena.

Fonte: MS JÁ Portal de Notícias

Un informe da Organización das Nacións Unidas reclama o impulso da lingua saami

Un informe da Organización das Nacións Unidas que analiza a situación dos dereitos humanos dos pobos saami en Suecia, Finlandia e Noruega reclama aos estados nórdicos que destinen máis financiamento aos parlamentos destes pobos para promover o coñecemento xeral das poboacións indíxenas do Ártico, así como a súa lingua e cultura.

Fonte: EurActiv

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder