Mundo
Miles de persoas puideron coñecer de preto o galego na feira internacional das linguas de París
Miles de persoas tiveron ocasión de coñecer de preto a lingua galega no marco da Expolingua de París, que pechou as portas da súa vixésimo novena edición.
Fonte: Xunta de Galicia
A Universidade de Catania reclama a promoción da aprendizaxe das linguas estranxeiras en Italia
A Facultade de Lingua e Literatura da Universidade de Catania reclamou, por medio dunha petición pública dirixida ao presidente da República, Giorgio Napolitano, a promoción da aprendizaxe das linguas estranxeiras en Italia e a creación dun observatorio permanente do estado do ensino das linguas.
Fonte: Step1
Unha directiva obrigará a ofrecer servizos de tradución en linguas diferentes ao hebreo no sistema israelí de saúde
O Ministerio de Sanidade de Israel presentou unha directiva que explica os novos requisitos lingüísticos para o sistema público de saúde. A sinalización de cada centro sanitario deberá aparecer, ademais de en hebreo, en inglés e árabe. Outros formularios e anuncios deberán traducirse tamén ao amárico para os emigrantes etíopes e as traducións serán facilitadas por intérpretes médicos ou falantes das diferentes linguas estranxeiras.
Fonte: The Jerusalem Post
O crecente déficit no dominio das linguas estranxeiras entre a mocidade británica terá un efecto negativo na economía
A crecente falta de habilidades lingüísticas entre a mocidade británica repercutirá na economía do país a non ser que se tomen medidas de inmediato, advertiu a Academia Británica, o organismo nacional do Reino Unido especializado nas humanidades e nas ciencias sociais. Nun novo informe, a academia fai un chamamento ás universidades para que animen os estudantes tanto das escolas como das universidades a estudar linguas.
Fonte: Press Association
A maioría dos participantes nunha enquisa cre que o irlandés debe ser obrigatorio nos centros educativos irlandeses
Segundo unha enquisa elaborada na República de Irlanda por Comhar na Muinteoirí Gaeilge, o consello directivo da comunidade de lingua irlandesa, un 61 % dos participantes manifestouse a favor da obrigatoriedade do irlandés nas escolas. Este estudo realizouse despois de que o líder do partido Fine Gael, Enda Kenny, afirmase que acabaría coa obrigatoriedade da lingua no ensino no caso de que chegase ao poder.
Fonte: Newstalk
O inglés substituirá o ruso como segunda lingua no ensino en Xeorxia
O Goberno de Xeorxia contratou un equipo de docentes nativos de lingua inglesa para introducir o inglés como primeira lingua estranxeira do país. O obxectivo é levar o inglés aos mesmos niveis de uso que ten en países como Suecia e, no proceso, substituír o ruso como segunda lingua dominante do sistema educativo.
Fonte: Yahoo Brasil Notícias
Os programas de inmersión lingüística contribúen á preservación da lingua hawaiana
Grazas a programas indíxenas de inmersión lingüística como o ‘Aha Pūnana Leo, a lingua hawaiana xa non se atopa en perigo de desaparición. Hai tan só trinta anos, a morte desta lingua era unha preocupación real para moitos. Hoxe en día, cada vez máis familias falan hawaiano na casa e miles de estudantes, tanto do ensino primario como do secundario, infundiron un sopro de vida á lingua. Por outra banda, os expertos ven a Hawai como un dos mellores exemplos de recuperación lingüística.
Fonte: Hawai'i Island Journal
No estado birmano de Aracán unha nova proposta parlamentaria aspira a introducir a lingua aracanesa no ensino
O Partido do Desenvolvemento das Nacionalidades de Rakhine (RNDP), en Myanmar, unha formación política vencedora nas últimas eleccións do estado de Aracán, solicitará no Parlamento do Estado que os alumnos do ensino primario teñan a oportunidade de aprender a lingua aracanesa.
Fonte: Narinjara
As barreiras lingüísticas nas escolas de Minneapolis (EUA) son as causantes das disparidades nos logros educativos
Nas escolas de Minneapolis, nos EUA, as disparidades nos logros educativos están relacionadas coas diferenzas lingüísticas dos alumnos, unha situación que frustra a alumnos e profesores. Nalgúns centros, o 70 % do alumnado ten como lingua materna unha lingua diferente do inglés. Ante esta situación os educadores teñen que buscar solucións a un problema que ten que ver máis coas barreiras lingüísticas que coas competencias do alumnado.
Fonte: StarTribune.com
O poder real dá o visto e prace ao recoñecemento do galés como lingua oficial
A Norma sobre a Lingua Galesa aprobada pola Asemblea Nacional de Gales en decembro de 2010 garantía o recoñecemento do galés como lingua oficial. Agora, este recoñecemento recibe o visto e prace da Coroa Británica. A polémica norma, que os activistas a prol da lingua criticaron de insuficiente, foi aprobada con motivo dunha reunión do Consello Privado do Reino Unido.
Fonte: Wales Online
Boletín
Subscríbase ao boletín