Mundo

Un programa de inmersión lingüística en escolas de Oregón (EUA) estimula as habilidades cognitivas dos alumnos

Grazas a un único programa lingüístico os alumnos dalgunhas escolas públicas de Portland, no estado estadounidense de Oregón, están inmersos na lingua xaponesa desde a gardería ata o ensino secundario. A intención dos programas de inmersión lingüística é que os estudantes estean rodeados da lingua e isto resulta beneficioso para eles, xa que tanto o seu rendemento académico, como a súa habilidade para aprender unha terceira ou unha cuarta lingua son maiores.

Fonte: WRAL.com

O alumnado oponse á proposta que aspira a converter o irlandés en materia optativa no ensino público de Irlanda

Un grupo de arredor de 200 estudantes de lingua irlandesa congregouse na sede do partido Fine Gael para protestar contra a iniciativa que aspira a converter o irlandés en lingua optativa no ensino. Os manifestantes cubriron a súa boca con cinta adhesiva nun acto simbólico contra a proposta que consideran "totalmente prexudicial para a lingua".

Fonte: Irishtimes

As autoridades chinesas promoverán a lingua da etnia zhuang

As autoridades chinesas prevén a posta en marcha do primeiro exame de nivel para certos estudantes e traballadores da lingua da etnia zhuang, a segunda maior do país tras os Han. A Comisión Estatal de Asuntos Étnicos afirmou que a medida ten por obxecto promover o uso desta lingua que, a diferenza doutras linguas de grupos étnicos minoritarios, segue a ser de uso corrente e estendido.

Fonte: People's Daily Online

Expertos nas linguas do Ártico reúnense para debater a normativización da lingua inuit

Expertos chegados de todos os puntos do territorio federal de Nunavut (Canadá) reuníronse en Iqaluit para debater acerca do espiñoso problema ao que lingüistas e educadores se levan enfrontado durante máis de medio século: como crear unha norma da lingua inuit que poida ser comprendida en todas as rexións do territorio.

Fonte: The Vancouver Sun

A Unión Europea aproba o novo sistema de patentes común que exclúe o español

O Consello de Ministros da Unión Europea aprobou a creación dun novo sistema de patentes unificado que simplifica o réxime lingüístico para reducir custos e limítao só a tres linguas: inglés, francés e alemán. A decisión adoptouse por maioría cualificada, cos únicos votos en contra de España e Italia, que consideran as súas linguas discriminadas inxustamente.

Fonte: El Periódico

Microsoft lanza o sistema operativo Windows 7 en suahili

Microsoft lanzou o sistema operativo Windows 7 en suahili co obxectivo de que máis de 150 millóns de falantes desta lingua, tanto en Kenya como noutros países de África, poidan ter acceso a unha gama máis ampla dos seus produtos informáticos na súa lingua.

Fonte: Mwakilishi.com

O inglés é considerada unha lingua clave para acadar unha vida mellor na India

Aprender inglés abre cada vez máis portas a unha maior calidade de vida na India. Na sociedade india actual, o inglés é unha lingua esencial para conseguir empregos cualificados e úsase cada vez máis como medio de comunicación entre cidadáns indios de diferentes estados.

Fonte: SOS CHILDREN'S VILLAGES

Un novo estudo demostra que os coñecementos lingüísticos son clave para a aprendizaxe das matemáticas

Varios estudos dirixidos por Susan Goldin-Meadow, profesora de psicoloxía da Universidade de Chicago, demostran que a falta de habilidades lingüísticas pode dificultar a comprensión dos conceptos máis esenciais das matemáticas.

Fonte: Education Week

Un estudo advirte que a aprendizaxe de linguas pode frear a enfermidade do alzhéimer

Un estudo de investigación dirixido por científicos canadenses advirte que a aprendizaxe e a práctica habitual de linguas estranxeiras pode contribuír á prevención do alzhéimer máis que calquera fármaco dispoñible para o tratamento da enfermidade.

Fonte: The Australian

Estudos recentes mostran que o bilingüismo pode estimular as funcións cerebrais

Estudos recentes elaborados na Universidade Estatal de Pensilvania (EUA) demostran que os falantes bilingües avantaxan as persoas que só falan unha lingua nalgunhas habilidades mentais, como por exemplo a capacidade de ignorar datos irrelevantes para concentrarse na información esencial.

Fonte: Bloomberg Businessweek

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder