Mundo

A Escola Portuguesa de Macau ofrecerá unha educación trilingüe

A directora da Escola Portuguesa de Macau reafirmou o obxectivo da institución de formar estudantes trilingües en portugués, inglés e chinés para que estes poidan ingresar ao final dos seus estudos en "calquera universidade do mundo".

Fonte: Mundo Português

Un estudo mostra que os americanismos non se están impoñendo no inglés británico

Un novo estudo elaborado por expertos lingüistas da Biblioteca Británica revela que o inglés británico goza de boa saúde e que moitos falantes británicos rexeitan as pronuncias americanas das palabras da fala diaria.

Fonte: Mail Online

Lingüistas alemáns opóñense á influencia dos anglicismos

Un crecente número de lingüistas alemáns teme que a súa lingua estea en perigo de morte ante a riada de anglicismos que están a inundar o vocabulario xermano. A Asociación da Lingua Alemá (VDS) presaxia que o alemán podería converterse nunha lingua "periférica" se non se toman as medidas axeitadas para protexelo contra os préstamos estranxeiros.

Fonte: Guardian

Un proxecto piloto introducirá o ensino da lingua murut na educación primaria no estado malaio de Sabah

A Fundación da Lingua de Kadazandusun (KLF) organizará o primeiro seminario da lingua murut que inaugurará un proxecto piloto de tres anos co obxectivo de introducir o ensino desta lingua nas escolas primarias do municipio de Tenom en Malaisia.

Fonte: Daily Express

Un falante da lingua cheroqui axuda a desenvolver unha aplicación para salvar a súa lingua nativa

Harry Oohsawee espera que as últimas tecnoloxías ofrezan un modo de evitar a desaparición da lingua cheroqui. Con este fin, ofreceu o seu apoio a unha empresa especializada no deseño de aplicacións destinadas á revitalización de linguas nativas norteamericanas.

Fonte: Muskogee Phoenix

O comisario de Política Lingüística de Irlanda propón introducir dúas materias independentes de irlandés na educación pública

O comisario de Política Lingüística de Irlanda, Sean O Cuirreain, propuxo que o ensino do irlandés se faga por medio de dúas materias independentes no futuro. Unha destas materias sería un curso comunicativo que se centraría nas habilidades da escrita, lectura e produción oral. A outra materia estaría destinada a alumnos que mostren un interese natural pola lingua con contidos relacionados, entre outros, coa literatura, a poesía ou o teatro. Esta iniciativa suporá un cambio no ensino da lingua vernácula en todo o país.

Fonte: Independent

O Goberno de Canadá inviste na investigación nas linguas oficiais

Investigadores da Universidade de Ottawa recompilarán unha historia completa da lingua francesa en América do Norte mediante unha crónica de testemuños familiares durante os últimos 400 anos para ver como o francés configurou as comunidades canadenses, a cultura e o país.

Fonte: Social Sciences and Humanities Research Council

A Universidade Federal do Amazonas formará profesores de mundurucu

A etnia mundurucu conta con 11.630 individuos distribuídos en territorios dos estados brasileiros do Pará, Amazonas e Mato Grosso. Por primeira vez, un curso específico, desenvolvido pola Universidade Federal do Amazonas, terá a función de formar educadores en mundurucu. A intención é garantir a preservación da lingua e cultura dese pobo.

Fonte: Portal Universidade

As escolas vietnamitas deberán mellorar a formación en lingua estranxeira para cumprir os requisitos de dominio informático

A carencia de habilidades en lingua estranxeira segue a ser un problema entre a man de obra vietnamita dos servizos da informática. Un estudo elaborado en dez empresas de software do país mostrou que só un 25-40 % dos traballadores cumpren os requisitos de coñecemento en lingua estranxeira.

Fonte: VietNamNet

Nas áreas de influencia tibetana da China o progreso exclúe a lingua vernácula

En Tangran, unha cidade do centro da China, localizada no extremo da meseta tibetana, carteis de gran tamaño anuncian que dez millóns de dólares se investirán na construción de relucentes oficinas, centros culturais e un estadio. Trátase dun proxecto de desenvolvemento financiado polo estado co que Pequín quere levar unha mellor calidade de vida á cidade. Porén, os sinais están escritos só en chinés mandarín. Para os tibetanos que non poden ler mandarín, trátase dunha información sen sentido. Para outros, é un recordatorio de que, aínda que os tibetanos constitúen a poboación predominante da zona, a etnia han, a maioría do estado, é a que manda.

Fonte: Newsobserver

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder