Mundo
Unha nova lei propón que o 60 % da música emitida en Polonia debe ser en polaco

A proposta viu a luz con posterioridade á unha lei aprobada en 1992 que estipulaba que o 33 % da música emitida nas emisoras de radio debía estar en polaco, aínda que non chegaba a especificar a franxa horaria. Porén, unha recente emenda a esta lei, presentada polo Ministerio de Cultura polaco, establece agora que, entre as 5 da mañá e a media noite, o 60 % da música ten que emitirse na lingua oficial do país.
Fonte: The News
O Goberno francés creará 15 centros de recursos lingüísticos en Kenya para apoiar o ensino e a aprendizaxe do francés
O Goberno francés creará dez centros de recursos lingüísticos en escolas de ensino secundario e cinco en universidades de Kenya que ofrecerán modernos métodos e materiais de aprendizaxe e ensino do francés a profesores e alumnos. O proxecto pretende revitalizar a lingua francesa no país africano.
Fonte: Afrique en ligne
O Instituto Camões fortalecerá a lingua portuguesa na Escola Internacional das Nacións Unidas de Nova York
O Instituto Camões e a Escola Internacional das Nacións Unidas traballarán xuntos na expansión e fortalecemento do ensino da lingua portuguesa nesa institución educativa, indicou a coordinadora do ensino do portugués nos Estados Unidos.
Fonte: Diário Digital
O Concello de Belfast en Irlanda do Norte rexeita o plan de sinalización bilingüe en Belfast
Vinte e tres membros do Concello de Belfast votaron en contra da sinalización bilingüe en inglés e irlandés ou escocés do Úlster fronte a vinte e un membros que se posicionaron a favor da devandita iniciativa.
Fonte: BBC
O número de alumnos de catalán fóra de España duplicouse desde o ano 2003
O número de alumnos de lingua catalá no estranxeiro duplicouse desde 2003, ao pasar de 565 nese ano a 1.252 en 2010, segundo informou o Instituto Ramón Llull (IRL).
Fonte: La Vanguardia
O ministro do Interior flamengo declara que Flandres non será bilingüe
O ministro do Interior flamengo, Geert Bourgeois, declarou que vivir en Flandres significa adoptar a lingua neerlandesa. Segundo informou, os falantes de francés en Flandres son tamén cidadáns flamengos con "dereitos e deberes"; "poden falar a súa linga no ámbito privado, mais deben falar neerlandés na vida pública, especialmente nos contactos coas autoridades locais, escolas etc.".
Fonte: L'Anglophone
Os falantes de manés deberán expresar o seu apoio á lingua no censo de 2011
A Fundación para o Patrimonio Manés animou a todos os residentes da Illa de Man que poidan falar manés a indicalo no censo de 2011. A pregunta nove do censo consulta aos cidadáns da illa se poden falar, ler ou escribir en manés. As respostas afirmativas servirán de estímulo para que as persoas sigan aprendendo e mellorando os seus coñecementos desta lingua celta.
Fonte: Isle of Man
A lingua portuguesa emprégase por vez primeira na sesión plenaria do Parlamento de Timor Leste
A lingua portuguesa empregouse por primeira vez na sesión plenaria do Parlamento de Timor Leste dando así cumprimento a unha resolución aprobada polo Parlamento Nacional que garante o uso obrigatorio do portugués na cámara.
Fonte: Net Madeira
Un banco de datos reunirá rexistros sonoros do dialecto de Xangai como parte dun proxecto de preservación lingüística
Un grupo de lingüistas chineses gravará voces de falantes do dialecto de Xangai como parte dun proxecto que pretende a creación dunha base de datos de dialectos locais co fin de protexer a diversidade lingüística do país asiático.
Fonte: O outro lado da notícia
A Academia mexicana quere que o español sexa a lingua oficial do país
A Academia Mexicana da Lingua proporalles ás Cámaras de Deputados e Senadores mexicanas unha reforma constitucional para declarar o español como lingua oficial do país. A proposta será compatible coa posibilidade de que as linguas indíxenas sexan declaradas oficiais nas súas respectivas zonas de influencia.
Fonte: Galicia Hoxe
Boletín
Subscríbase ao boletín