Mundo

O líder espiritual hindú Swami Ramdev apoiou as linguas rexionais como medio para a instrución nas escolas de Goa

O líder espiritual hindú, Swami Ramdev, apoiou a consideración das linguas rexionais konkani e maratí como linguas de instrución nas escolas do estado indio de Goa. A súa reacción de apoio prodúcese no medio dun fervoroso debate sobre a posibilidade de converter o inglés na principal lingua da educación pública do estado indio.

Fonte: Prokerala News

Residentes indíxenas do Distrito Federal de México esixen dereitos nas súas linguas nativas

Cidadáns indíxenas residentes no Distrito Federal de México esixen atención sanitaria, educación e xustiza nas súas linguas nativas, en cumprimento das leis que protexen os dereitos das comunidades indíxenas.

Fonte: El Universal

Unha campaña en Nova Zelandia reivindica a oficialidade de linguas orixinarias do Pacífico

Unha campaña iniciada en Nova Zelandia demanda que algunhas linguas orixinarias do Pacífico sexan declaradas oficialmente idiomas minoritarios no país insular. Un total de 4.000 persoas asinaron xa a petición dirixida ao parlamento en apoio do niuano, o maorí das Illas Cook, o toquelauano, o samoano e o tongano.

Fonte: Radio New Zealand

O Goberno malaisiano pretende incrementar o número de profesores de chinés mandarín no ensino

O Goberno malaisiano pretende incrementar o número de profesores de mandarín no ensino en todo o país. O primeiro ministro, Najib Razak, indicou que o plan é parte dos esforzos que está a facer o goberno por incidir na preservación da cultura chinesa e recoñecer o programa baseado nos Certificados Unificados de Exames nas escolas de lingua vernácula chinesa.

Fonte: New Straits Times

As inscricións en cursos de lingua árabe rexistran un incremento nas universidades australianas

Un novo informe do Instituto Asiático da Universidade de Melbourne mostra que o número de inscricións en cursos de lingua árabe se multiplicou por seis na Universidade Nacional de Australia e case se duplicou nas universidades de Sydney e Melbourne.

Fonte: The Australian

Google incorpora a lingua cheroqui á súa ferramenta de busca

O líder da tecnoloxía mundial Google incorporou a lingua escrita cheroqui ao seu repertorio de linguas. De igual maneira que o resto de linguas que inclúe Google no seu motor de busca, agora todos os falantes de cheroqui que poden ler e escribir na súa lingua poden facer buscas de calquera tema na rede de alcance mundial.

Fonte: Your Industry News

O Instituto Camões asina un protocolo con Priberam para a aplicación do Acordo Ortográfico no mundo

O Instituto Camões asinou un protocolo coa empresa Priberam, que fornece ferramentas lingüísticas para a lingua portuguesa, para dinamizar a aplicación do Acordo Ortográfico en todo o mundo.

Fonte: Expresso

O incremento das taxas de matrícula en Inglaterra podería ocasionar un descenso do número de estudantes de linguas

Os departamentos universitarios de linguas advirten que o incremento das taxas de matrícula nas universidades inglesas podería pór en risco a inscrición dos estudantes. Moitas carreiras de linguas inclúen un ano extra no estranxeiro e témese que os estudantes non estean dispostos a pagar ata 36.000 libras esterlinas por cursar un cuarto ano. Os departamentos de linguas están preocupados ante a falta de solicitudes e, dada esta situación, algunhas universidades están xa consultando a posibilidade de retirar da súa oferta a totalidade das carreiras de linguas modernas.

Fonte: BBC

Un estudo mostra que os escandinavos son os que máis dominan o inglés

De acordo cun estudo publicado por EF English First, o maior centro de ensino de inglés do mundo, os países escandinavos son os que ocupan o primeiro lugar en dominio desta lingua, mentres que Rusia, Turquía e os países suramericanos ocupan os últimos lugares de competencia.

Fonte: Reuters

A maioría dos candidatos das eleccións parlamentarias de Finlandia apoia que o sueco sexa lingua optativa no ensino

A maioría dos candidatos nas próximas eleccións parlamentarias en Finlandia apoia a supresión do sueco como lingua obrigatoria no sistema educativo. Máis da metade dos candidatos de todos os partidos, a excepción do Partido Popular Sueco (SFP), estaría a favor de converter a lingua sueca en materia optativa. En total, un 62,5 % apoia esta iniciativa.

Fonte: Helsinki Times

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder