Mundo
A obra infantil O Principiño está xa dispoñible en mirandés
O Principiño, obra escrita por Antoine de Saint-Exupéry, xa conta con tradución en mirandés. O título da edición mirandesa é L Princepico. De acordo coa editorial francesa Gallimard, trátase "do libro máis traducido en todo o mundo despois da Biblia", con versións "en preto de 200 linguas ou máis, incluíndo dialectos europeos, asiáticos e africanos".
Fonte: Jornal Digital
Os inmigrantes que non falen unha lingua nacional de Suíza poderán utilizar un servizo de interpretación de atención sanitaria
En Suíza, os inmigrantes que non falan as linguas nacionais atópanse con problemas á hora de buscar atención sanitaria. Co fin de resolver estas eivas de comunicación, un proxecto piloto ofrecerá un servizo de interpretación telefónico para emerxencias médicas ou para orientacións breves. Os intérpretes estarán capacitados para traducir de 12 linguas estranxeiras cara ás tres linguas oficiais de Suíza (alemán, francés e italiano) e viceversa.
Fonte: Swissinfo
No departamento boliviano de Cochabamba os funcionarios dos rexistros civís deberán falar a lingua vernácula
O novo regulamento sobre a función pública nos rexistros civís do departamento boliviano de Cochabamba esixirá aos novos funcionarios o dominio de dúas linguas: o español e a lingua vernácula da rexión en cuestión.
Fonte: Opinión
En México sete millóns de persoas falan linguas indíxenas
De acordo cos resultados do último censo de poboación e vivenda realizado polo Instituto Nacional de Estatística e Xeografía, 7,9 millóns de persoas en México falan unha lingua indíxena.
Fonte: El Siglo de Durango
No estado mexicano de San Luís de Potosí un proxecto piloto incorporará as novas tecnoloxías á educación indíxena
Alumnos e docentes indíxenas da etnia huasteca (ou téenek) recibiron 1.940 computadores no estado mexicano de San Luis de Potosí. Isto foi posible grazas a un proxecto piloto introducido a nivel nacional que incorpora á educación indíxena as tecnoloxías da información e a comunicación como ferramenta para preservar as linguas maternas.
Fonte: El Sol de San Luis
O Instituto Cervantes abre unha nova sede en Xibraltar
O Instituto Cervantes abre a súa nova sede na colonia británica de Xibraltar con 120 matrículas en cursos de lingua e literatura españolas.
Fonte: El Confidencial Digital
O Goberno de Singapur promoverá a aprendizaxe e o uso da lingua támil
Durante os próximos cinco anos, o Ministerio de Educación de Singapur ofrecerá 1 millón de dólares ao Comité para a Promoción da Aprendizaxe da Lingua Támil para a promoción da aprendizaxe e o uso desta lingua.
Fonte: GovMonitor
O Instituto Etxepare creará sete novos postos de lectores de éuscaro no estranxeiro
O Instituto Etxepare, responsable da promoción da lingua e a cultura vascas no exterior, creará sete novos postos de lectores universitarios de éuscaro. Tres dos postos habilitaranse en universidades dos Estados Unidos (Stanford, California e Chicago) e o resto distribuirase en cidades europeas como París, Constanza, Liverpool e unha cidade en Polonia.
Fonte: El País
O condado de Caerphilly no sur de Gales planea a apertura dunha nova escola de lingua galesa
O plan para a apertura dunha nova escola de lingua galesa para nenos entre os 11 e os 14 anos recibiu o apoio dos membros do condado de Caerphilly, no sur de Gales. A iniciativa é parte dun proxecto de 10 millóns de libras esterlinas que pretende reexaminar a educación en lingua galesa no condado cuxa demanda medrou nos últimos anos.
Fonte: BBC News
O novo plan lingüístico na educación superior de Suráfrica crea preocupación entre a opinión pública
O ministro de Educación Superior e Formación de Suráfrica, Blade Nzimande, propuxo que os estudantes universitarios deban estudar unha lingua africana como requisito para a súa graduación. Mentres que este plan foi ben recibido polos académicos especializados en linguas, algunhas persoas están preocupadas ante a posible incapacidade dos estudantes para aprender unha lingua descoñecida a nivel superior. Consideran que, no seu lugar, sería mellor introducir linguas indíxenas africanas na escola primaria.
Fonte: Iol News
Boletín
Subscríbase ao boletín