Mundo
Un equipo de investigadores da Universidade de Oxford viaxa a Indonesia para salvar unha lingua que conta só con tres falantes
Investigadores da Facultade de Lingüística, Filoloxía e Fonética da Universidade de Oxford descubriron a lingua e o doutor Suriel Mofu foi a Indonesia en outubro para gravar e documentar o idioma. Trátase das tres últimas persoas que falan dusner, unha antiga lingua utilizada nunha remota aldea de pescadores na selva de Papúa, unha illa indonesia.
Fonte: Telegraph
Malaisia formará a máis de 10 000 profesores de inglés
O Ministerio de Educación de Malaisia ten como obxectivo formar a 10 000 profesores de inglés en 2011 para aumentar a súa competencia á hora de ensinar a materia.
Fonte: Free Malaysia Today
Unha universidade turca ofrecerá cursos de lingua armenia
Unha academia de linguas da Universidade de Estambul está a organizar os únicos cursos de armenio no nivel postsecundario no marco dun esforzo para mellorar o diálogo rexional entre os empresarios e os profesores universitarios.
Fonte: Hurriyet Daily News
Lanzan en internet un curso gratuíto de groenlandés
Desde o seu lanzamento hai agora un ano, Sermersooq.dk recibiu máis de 10 000 visitantes. A páxina web ofrece cursos para principiantes de dinamarqués-groenlandés e groenlandés-dinamarqués que a partir de agora estarán dispoñibles gratuitamente para todo o mundo.
Fonte: IceNews
O Goberno de Fixi incorpora un intérprete de lingua de signos nos seus telexornais
Nun esforzo por facer máis accesible a información, os gobernos, en colaboración coa Asociación de Xordos de Fixi, incorporaron un intérprete de lingua de signos nos seus telexornais Fiji Today, que se emiten á noite en Mai TV.
Fonte: Radio Fiji
Microsoft lanza oficialmente a versión en amárico de Windows 7
Os falantes de amárico teñen acceso agora a unha maior variedade de software na súa propia lingua. O amárico é a lingua nacional de Etiopía, onde conta con 21 millóns de falantes nativos; ademais, tamén é falado en comunidades de emigrantes en todo o mundo.
Fonte: New Business Ethiopia
O francés pasa a ser unha lingua optativa nas escolas públicas de Calgary (Canadá)
Aprender francés deixará de ser obrigatorio para os alumnos de centros públicos de Calgary. A Mesa da Educación de Calgary determinou facer optativo o francés no ensino secundario e deixa as escolas de educación primaria decidir individualmente se o francés se ofrecerá entre o cuarto e o sexto cursos.
Fonte: Edmonton Journal
India está a buscar palabras en hindi para termos científicos ingleses
A Comisión para a Terminoloxía Científica e Técnica é un organismo oficial creado hai 50 anos que ten como obxectivo buscar ou crear palabras en hindi e outras linguas indias que expresen o significado da gran cantidade de novos termos técnicos en inglés.
Fonte: The National
O Goberno de Ghana comprométese a desenvolver as linguas locais para promover a cultura
O Goberno de Ghana comprométese a garantir o desenvolvemento das linguas locais para promover a cultura para o desenvolvemento nacional.
Fonte: GhanaWeb
Brasil considera o Instituto Cervantes como modelo de difusión dunha lingua
Brasil considera o Instituto Cervantes un "modelo de difusión" dunha lingua e podería basear os seus plans de promoción do portugués nesa experiencia co español, afirmou o director de Relacións Internacionais do Ministerio de Cultura deste país, Marcelo Dantas.
Fonte: Canal Patrimonio
Boletín
Subscríbase ao boletín