Mundo

Máis do 55 % dos internautas europeos utiliza unha lingua estranxeira ao navegar por internet

Mentres o 90 % dos internautas europeos prefire visitar as páxinas web na súa propia lingua, o 55 % utiliza polo menos algunha vez unha lingua diferente da súa ao navegar por internet, segundo o Eurobarómetro.

Fonte: TelecomPaper

India pídelle a Taiwán 10 000 profesores de chinés mandarín

India pediulle a Taiwán 10 000 profesores de mandarín que poidan viaxar ao país surasiático a ensinar a lingua. India decidiu hai pouco permitir que os seus institutos ofrezan clases de segundas linguas, incluído o chinés, e expresou o desexo de que Taiwán lle poida axudar a atopar profesores de lingua.

Fonte: Focus Taiwan

A minoría árabe de Israel terá unha canle de televisión en árabe

O Ministerio de Comunicacións de Israel afirma que a minoría árabe do país terá axiña por primeira vez a súa propia canle de televisión en árabe. O Ministerio acaba de concederlle a unha canle a primeira licenza para ter unha emisión independente en árabe.

Fonte: Newsday

A falta de competencia en linguas estranxeiras fai que os británicos ocupen poucos postos de traballo nas institucións europeas

A falta de habilidades en linguas estranxeiras fai que os británicos estean infrarrepresentados nos postos de traballo nas institucións da Unión Europea, segundo un alto funcionario. Os traballadores do Reino Unido ocupan só o 5 % dos postos dispoñibles no Parlamento Europeo e na Comisión Europea, malia que o país conta co 12 % da poboación da UE.

Fonte: People Management

Instan o Goberno da India a recoñecer a lingua de signos

A organización de intérpretes de lingua de signos pediulle ao Goberno que recoñeza como lingua minoritaria da India o principal sistema de comunicación das persoas con discapacidade auditiva.

Fonte: Deccan Herald

O Parlamento Europeo propón que algunhas sesións se traduzan a menos idiomas para aforrar

Un informe aprobado polo Parlamento Europeo propón que nalgunhas reunións de traballo na Eurocámara se ofreza soamente a interpretación simultánea a seis das 23 linguas oficiais da Unión Europea para aforrar.

Fonte: ABC

A Universidade de Hosei, en Toquio, impartirá clases de catalán

O Instituto Ramon Llull e a Universidade de Hosei (Toquio) asinaron un acordo polo que a Universidade impartirá cursos de lingua, historia e cultura catalás a partir desta mesma semana.

Fonte: La Vanguardia

A Rede europea para a Promoción da Diversidade Lingüística aproba a adhesión de Galicia ao seu grupo técnico de traballo

A Rede europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (en inglés, Network to Promote Linguistic Diversity, abreviado, NPLD) aprobou a adhesión da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ao seu grupo técnico de traballo.

Fonte: Xunta de Galicia

Unha universidade de Turquía ofrecerá clases de armenio

Grazas a unha axuda de 23 500 dólares do Fondo do Mar Negro do Fondo German Marshall, a Universidade Kadir Has de Estambul vai comezar a ofrecer clases de armenio este mes.

Fonte: The New York times

Lingüistas da Universidade de Harvard traballan para desentrañar as linguas maias ameazadas

Pedro Mateo, un bolseiro posdoutoral en lingüística na Universidade de Harvard, xunto coa profesora de Lingüística da mesma universidade Maria Polinsky e varios compañeiros do seu laboratorio, axudan a preservar, promover e comprender mellor as antigas linguas maias.

Fonte: PhysOrg

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder