Mundo

Italia e España demandan a UE pola discriminación das súas linguas nacionais na Oficina Europea de Patentes

Italia e España presentaron unha queixa no Tribunal de Xustiza da Unión Europea pola discriminación que sofren as súas linguas nacionais no plan europeo de patentes aprobado polos outros 25 Estados membro.

Fonte: EU Observer

O Instituto Camões abrirá unha escola en Canadá

O Instituto Camões creará un centro cultural na cidade de Toronto (Canadá). O centro contará cunha biblioteca e unha escola para o ensino do portugués e estará aberto a todas as persoas que estean interesadas na aprendizaxe e perfeccionamento desta lingua.

Fonte: Observatório da Língua Portuguesa

Un grupo de voluntarios lanza unha nova canle de televisión en lingua galesa

Voluntarios da Sociedade da Lingua Galesa fundaron unha nova canle de televisión, a Sianel ‘62, con motivo do festival galés Eisteddfod yr Urdd. Esta iniciativa nace en resposta aos recortes que a BBC propuxo para a canle pública en lingua galesa S4C e que poderían pór en risco a súa existencia.

Fonte: I-volunteer

Unha petición demandará o status de lingua oficial para o samoano en Nova Zelandia

O samoano non goza actualmente de recoñecemento oficial nin ten presenza no currículo escolar en Nova Zelandia polo que se asinará unha petición para que esta lingua e outras catro do Pacífico adquiran o status de lingua oficial.

Fonte: TV NZ

O Goberno do Brasil promoverá o ensino do portugués nos descendentes de brasileiros que residan no estranxeiro

O Ministerio de Asuntos Exteriores do Brasil anunciou a implantación dun programa de apoio e difusión do ensino de portugués nos descendentes de brasileiros que residen no estranxeiro. Este proxecto piloto será implantado na rexión de San Francisco, nos Estados Unidos, ao ser este o país con maior número de emigrantes brasileiros, un total de 1,2 millóns.

Fonte: Observatório da Língua Portuguesa

A decisión de recoñecer o inglés como lingua de instrución en Goa provoca violentas protestas

O tráfico quedou paralizado en Goa despois de que manifestantes saíran á rúa para protestar contra a decisión do goberno estatal de recoñecer o inglés como lingua de instrución nas escolas primarias. Os manifestantes temen que esta medida pode provocar unha redución das axudas destinadas ás escolas en lingua vernácula.

Fonte: Hindustan Times

Varios obradoiros tentarán en Alasca revitalizar unha lingua indíxena

Os obradoiros de lingua eyak, que se celebran no Museo de Anchorage en Alasca, contribuirán a que novos falantes aprendan esta lingua nun breve período de tempo. Guillaume Leduey, un cidadán francés de 22 anos que aprendeu de maneira autodidacta a lingua, imparte as sesións gratuítas xunto con Roy Mitchell, un sociolingüista da Universidade de Alasca en Anchorage.

Fonte: KTUU.COM

Israel permitirá a emisión da primeira canle de televisión en árabe

En Israel existen 1,2 millóns de fogares de lingua árabe que están privados do acceso á información local na súa lingua e que botan man de canles internacionais por satélite para poder recibir contidos televisivos independentes en árabe. Esta situación está a piques de cambiar xa que Hala TV se converterá na primeira canle independente de Israel en lingua árabe despois de que o Ministerio de Comunicacións israelí lle outorgase o correspondente permiso de emisión.

Fonte: Rapid TV News

O pasado, presente e futuro do éuscaro debátense na segunda xornada da Semana Vasca en Paraguai

Xabier Zabaltza falou sobre as luces e as sombras da situación do éuscaro, as teorías sobre a súa orixe, o seu percorrido histórico e as súas perspectivas de futuro ante unha atenta audiencia, durante a segunda xornada da Semana Vasca en Asunción.

Fonte: La Región

Arabia Saudí aproba introducir antes o inglés nas escolas

A tradicional resistencia de Arabia Saudí á aprendizaxe do inglés nas escolas primarias do país parece estar superada logo de anunciar que a idade dos alumnos para o estudo desta lingua se reducirá dos once aos nove anos a partir do próximo curso académico.

Fonte: The Guardian

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder