Mundo
Fracasa unha iniciativa cidadá que pretendía garantir unha presenza total do letón na educación
Despois dun mes de recollida de sinaturas en Letonia, unha iniciativa cidadá fracasou á hora de conseguir apoios suficientes para cambiar a constitución co fin de garantir que a educación se impartise totalmente na lingua letoa.
Fonte: ERR News
O Goberno canadense apoiará unha recomendación para implantar unha educación bilingüe destinada á comunidade inuit
O Ministro de Asuntos Aborixes de Canadá, John Duncan, apoiará unha petición para que nenos inuit reciban unha educación bilingüe en inuktitut, a súa lingua nativa, e en inglés ou francés, segundo informou Canadian Press.
Fonte: Brandon Sun
Unha enquisa mostra que un de cada dous habitantes da rexión francesa de Mediodía-Pireneos ten algunha noción de occitano
Na rexión francesa de Mediodía-Pireneos realizouse unha enquisa sociolingüística sobre os usos e competencias da lingua occitana. O estudo mostra que un de cada dous habitantes desta rexión pode falar occitano ou ten algún coñecemento desta lingua.
Fonte: Toulouse 7
India celebrará por todo o alto o Día do Idioma Español
O Instituto Cervantes da capital da India organizará diversas actividades con motivo da celebración a nivel mundial, o próximo sábado 18, da terceira edición do Día do Idioma Español.
Fonte: Prensa Latina
O ministro de Cultura francés, Frédéric Mitterrand, afirma que defenderá unha proposición sobre as linguas rexionais
O ministro de Cultura francés, Frédéric Mitterrand, anunciou que apoiará unha proposición de lei sobre as linguas rexionais na Asemblea Nacional de Francia que significará un avance para as demandas cidadás ao respecto.
Fonte: Le Télégramme
"Querétaro" é escollida como a palabra máis bonita do español
O Instituto Cervantes de Nova Delhi escolleu unha palabra de nove letras "Querétaro", que é o nome dun estado mexicano, como a palabra máis bonita do español despois de recibir 5849 votos no sitio web do Instituto Cervantes. A votación tivo lugar con motivo da celebración internacional do Día do Español.
Fonte: La-Ch.com
As escolas portuguesas adoptan o novo Acordo Ortográfico
A Universidade do Miño adoptará formalmente o Acordo Ortográfico da lingua portuguesa o día 1 de setembro. A nova grafía xa se acepta nos exames nacionais que teñen lugar nas escolas portuguesas.
Os estudantes surafricanos mostran interese por aprender unha lingua africana na universidade
O ministro surafricano de Educación Superior, Blade Nzimande, reiterou a súa proposta de que todos os estudantes universitarios aprendan "polo menos unha lingua africana como requisito para a súa graduación". Os defensores do multilingüismo afirman que existen probas evidentes de que tanto os estudantes como os académicos están mostrando interese por aprender unha lingua africana como parte dos seus estudos superiores.
Fonte: IOL News
Os estudantes tailandeses deberán aprender máis linguas estranxeiras
Segundo un experto da Universidade Mahidol en Tailandia, os estudantes deste país deberán mellorar o seu nivel de inglés e mesmo aprender unha terceira lingua estranxeira para poder competir con outras nacións do sueste asiático, como Vietnam ou Filipinas, que mostran bos coñecementos de linguas estranxeiras.
Fonte: Bangkok Post
Pais de estudantes de secundaria maniféstanse na localidade vascofrancesa de Baiona para demandar máis materias en vasco
Pais de estudantes de secundaria maniféstanse na localidade vascofrancesa de Baiona para reclamar o dereito dos seus fillos a realizar os exames de bacharelato en lingua vasca. Actualmente só as materias de vasco e xeografía e historia poden realizarse nesta lingua.
Fonte: Sud Ouest
Boletín
Subscríbase ao boletín