Mundo

As linguas da comunidade inmigrante en Canadá prosperan entre as novas xeracións

Un novo estudo estatístico realizado en Canadá mostra que en 2006 un 55 % dos nenos canadenses nados en familias inmigrantes ten a mesma lingua materna que as súas nais, fronte a un 41 % na mesma xeración en 1981.

Fonte: The Star

O ensino da lingua italiana está a vivir un auxe nos Estados Unidos

A lingua italiana é cada vez máis popular nos Estados Unidos xa que o número de estudantes desta lingua ten experimentado un crecemento notable nos últimos anos. Segundo a Asociación de Linguas Modernas, organización que se ocupa do ensino de linguas estranxeiras, en 2009, o número de inscricións en cursos de lingua italiana ascendeu a 80.752 nos Estados Unidos, un 3 % máis respecto ao ano 2006.

Fonte: NewNotizie

A Universidade de Chicago publica un dicionario da lingua da antiga Mesopotamia

Despois de noventa anos, estudosos da Universidade de Chicago sacaron á luz un dicionario de 21 volumes da lingua da antiga Mesopotamia e os seus dialectos babilónicos e asirios que se extinguiron hai 2000 anos. Estas linguas preserváronse en táboas de arxila e inscricións de pedra que foron descifradas tras un intenso traballo de dúas décadas.

Fonte: The New York Times

Un proxecto nos Estados Unidos contribúe a que os pobos indíxenas salven as súas linguas

O proxecto Breath of Life ("Sopro de vida") é un traballo conxunto de expertos da Universidade de Texas, en Arlington, e da Universidade de Oklahoma, no que indios americanos reciben unha formación para poder recuperar as súas linguas ameazadas.

Fonte: NewsOk

Defensores da lingua galesa están pensando emprender accións legais para deter os recortes previstos na canle pública S4C

Defensores da lingua galesa están considerando a posibilidade de emprender accións legais en Europa para deter os recortes radicais no financiamento público da canle de televisión en lingua galesa S4C. Opinan que se o goberno segue adiante cos seus plans podería producirse unha infracción da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

Fonte: Wales Online

A Universidade Hebrea de Xerusalén e eTeacher Group incorporarán a lingua yiddish ao seu programa en liña

A Universidade Hebrea de Xerusalén e a empresa especializada no ensino de linguas en liña eTeacher Group anunciaron que incorporarán o yiddish, unha lingua falada por xudeus desde o século X, á súa oferta de linguas para estudantes de todo o mundo.

Fonte: News Blaze

Unha científica do ámbito da neuroloxía defende que os nenos bilingües teñen cerebros máis sans

Unha científica do ámbito da neuroloxía afirma que as persoas que falan dúas linguas teñen cerebros moito máis saudables. Ellen Bialystok, unha distinguida investigadora de psicoloxía na Universidade de York en Toronto, Canadá, defendeu que falar dúas ou máis linguas habitualmente desde idades temperás pode ter un efecto positivo no cerebro e mesmo adiar os síntomas da enfermidade do alzhéimer.

Fonte: Daily News & Analysis

Timor Leste quere que as Nacións Unidas e a Unión Europea se dirixan ao país en portugués ou tetún

O Parlamento de Timor Leste aprobou unha resolución para que as Nacións Unidas e a Unión Europea utilicen o portugués ou o tetún nas relacións institucionais coas autoridades timorenses.

Fonte: SIC Notícias

Empresarios galeses poderán permitir que os seus traballadores gocen de períodos sabáticos para aprender galés

O Ministro de Educación galés, Leighton Andrews, aprobou un plan de 6 millóns de libras para mellorar os estándares de ensino e aprendizaxe por medio da lingua galesa. O novo plan permitirá que os profesionais poidan gozar de períodos sabáticos para realizar cursos de formación co obxectivo de desenvolver os seus coñecementos de galés.

Fonte: Wales Online

Mario Vargas Llosa promoverá a lingua e a cultura españolas en China e Xapón

O escritor Mario Vargas Llosa comeza unha visita coa que levará o castelán ata China e Xapón da man do Instituto Cervantes. O recente premio Nobel de Literatura protagonizará numerosas iniciativas culturais e académicas para promover a lingua española e a cultura en español.

Fonte: Finanzas.com

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder