Mundo

Guinea Ecuatorial adopta o portugués como lingua oficial

A Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa prepárase para recibir a Guinea Ecuatorial como novo membro do grupo. Outros países como Ucraína e as Illas Mauricio xa demostraron o seu interese en asociarse.

Fonte: Fátima Missionária

Canadá contribúe con 5,6 millóns de dólares ao proxecto nacional de linguas de Sri Lanka

Canadá, a través da Axencia Internacional Canadense para o Desenvolvemento, contribúe con 5,6 millóns de dólares a apoiar a Sri Lanka para que poña en marcha a súa política nacional de linguas. Canadá compartirá con Sri Lanka o seu coñecemento e a súa experiencia para a implantación do bilingüismo.

Fonte: Colombo Page

Un programa de ensino do inglés está no aire en Vietnam debido á escaseza de profesores

A falta de profesores de lingua estranxeira en Vietnam é o principal factor que ameaza o éxito dos programas de ensino de linguas estranxeiras. 2011 é o primeiro ano do período 2011-2015 no que Vietnam desenvolve a grande escala un programa de ensino de linguas estranxeiras, cunha duración de dez anos, para os alumnos do ensino xeral, así como un programa que imparte cursos intensivos de lingua estranxeira para os estudantes de distintos niveis educativos.

Fonte: VietnamNet Bridge

A lingua española amplía a súa presenza en Alemaña

O quinto centro alemán adscrito ao Instituto Cervantes será inaugurado oficialmente en Hamburgo, onde estudan español algo máis de 1800 alumnos.

Fonte: Prensa Latina

O Organismo Público da Lingua Vasca apoiará proxectos de promoción desta lingua no País Vasco francés

O Organismo Público da Lingua Vasca do País Vasco francés financiará un total de 64 proxectos dirixidos á promoción do uso da lingua vasca especialmente entre a mocidade.

Fonte: Sud Ouest

Un estudo mostra que o 52 % dos brasileiros fala con fluidez só a súa lingua materna

Unha enquisa elaborada polo sitio de internet Trabalhando.com.br mostra que o 52 % dos brasileiros fala só a súa lingua materna e que un 18 % fala inglés con fluidez. Ademais, o estudo tamén indica que só un 3 % dos brasileiros fala máis de tres linguas.

Fonte: Administradores.com.br

En Italia a lei protexe doce linguas minoritarias que se falan en diferentes rexións do país

En Italia a lei protexe doce linguas minoritarias que se falan en diferentes rexións do país (albanés, catalán, alemán, grego, esloveno, croata, francés, francoprovenzal, friulano, ladino, occitano e sardo). Co fin de lembrar o papel que estas minorías lingüísticas teñen na sociedade, a provincia de Turín organizou a Xornada Nacional das Minorías Lingüísticas Históricas na localidade de Ceresole Reale.

Fonte: Affaritaliani

Intelectuais demandan a normalización da lingua albanesa en Macedonia

Un grupo de intelectuais demanda en Macedonia a completa normalización da lingua albanesa e a consideración desta como segunda lingua oficial a nivel estatal.

Fonte: Albeu

Médicos israelís aprenden yiddish e árabe para ofrecer unha mellor atención sanitaria

O sistema israelí de saúde desenvolveu recentemente un programa de formación especial que permitirá aos médicos aprender, entre outras linguas, o árabe ou o yiddish, co fin de evitar os problemas de comunicación coas comunidades que requiren atención sanitaria.

Fonte: Haaretz

A comunidade usbeca dunha zona de Kirguizistán propón adoptar o kirguiz como lingua de instrución nas escolas

Membros destacados da comunidade usbeca da cidade kirguiz de Osh propuxeron adoptar gradualmente o kirguiz como lingua de instrución nas escolas. Algúns expertos suxiren que a proposta pode traer consigo tensións étnicas xa que algúns pais poden considerala discriminatoria.

Fonte: Radio Free Europe-Radio Liberty

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder