Mundo

O francés é aínda a primeira lingua estranxeira do sistema educativo do Líbano

Expertos cren que a lingua francesa non está en perigo no Líbano, a pesar do claro ascenso que experimentaron as escolas que empregan o inglés como lingua de instrución, e engaden que dous terzos dos alumnos do país son educados aínda en francés.

Fonte: The Daily Star

O portugués ensínase en Senegal na educación secundaria e superior

Senegal, país con estatuto de observador da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP), constitúe un caso sen paralelo no panorama do ensino do portugués fóra do mundo lusófono, xa que é estudado no ensino medio, secundario e superior.

Fonte: Observatório da Língua Portuguesa

En Dinamarca os alumnos que teñen o dinamarqués como segunda lingua rexistran un peor rendemento que os de orixe dinamarquesa

Malia os esforzos realizados polo Ministerio de Educación de Dinamarca por mellorar o programa de dinamarqués como segunda lingua, o estudo "Ethnic 2009" do Programa para a Avaliación Internacional de Alumnos (PISA) mostra que as diferenzas na competencia académica entre os alumnos de familias inmigrantes e os alumnos de orixe dinamarquesa mantiveron practicamente os mesmos niveis que os rexistrados no primeiro estudo deste tipo elaborado no ano 2000.

Fonte: The Copenhagen Post

Alumnos de educación secundaria de Corea do Sur rexeitan a aprendizaxe dunha segunda lingua estranxeira

O número de estudantes dunha segunda lingua estranxeira no ensino secundario de Corea do Sur caeu con dureza despois de que as autoridades decidiran que non era necesario o seu estudo. Os datos gobernamentais ao respecto mostraron que a aprendizaxe do español diminuíu un 25,4 %, seguido polo francés (18,6 %), xaponés (17,5 %), chinés (13,3 %) e ruso (5,6 %).

Fonte: Yonhap News

O partido do pobo madhesi do Nepal apoia o hindi como lingua franca da rexión de Terai

Un membro destacado do partido do pobo madhesi solicitou que o hindi sexa recoñecido como lingua franca dos habitantes de Terai, rexión nepalesa fronteiriza coa India, ante os temores de que se poida desencadear outra disputa lingüística no país.

Fonte: DNA India

Líderes de etnias do Estado de México recibirán formación para traballar como intérpretes en xuízos

Representantes das etnias do Estado de México recibirán formación de interpretación para que poidan axudar os seus concidadáns que só falen linguas nativas a enfrontarse a un proceso legal. Ante a imposibilidade de entender español, estas persoas acaban frecuentemente en prisión sen coñecer as acusacións que se lles imputan.

Fonte: La Prensa

O ministro de Asuntos Maorís de Nova Zelandia é escéptico sobre o novo plan do goberno para apoiar a lingua maorí

O Goberno neozelandés aprobou un plan para salvar da desaparición a lingua maorí, aínda que existe preocupación sobre a boa vontade deste á hora de ofrecer un compromiso firme. O ministro neozelandés de Asuntos Maorís, Pita Sharples, mostrou a súa desconfianza acerca do apoio que o goberno brindará ao devandito plan.

Fonte: Nzherald

A competencia lingüística en cingalés e támil impulsará a unidade de Sri Lanka

“Todos os cingaleses deben dominar o támil e todos os támiles deben ter a competencia para falar cingalés. Isto axuda a crear confianza e unidade entre as persoas", indicou o ministro srilankés de Pesca, Rajitha Senaratne, con motivo da cerimonia inaugural dun curso de linga támil organizado pola Corporación do Porto Pesqueiro de Ceilán en colaboración co Ministerio de Linguas Nacionais e Integración Social.

Fonte: Daily News

A Asociación da Lingua Córnica enfróntase a un futuro incerto

A Asociación da Lingua Córnica, que foi creada en 2005 para promover a lingua córnica, sostén que se enfronta a un futuro incerto se o goberno non aproba a súa proposta de financiamento.

Fonte: BBC

Os falantes de inglés en Gales son clave para a supervivencia da lingua galesa

Segundo a opinión dunha experta lingüista, os pais e nais falantes de inglés que decidan aprender galés son fundamentais para a supervivencia e crecemento da lingua galesa. O último estudo oficial sobre o uso do galés é o do censo do 2001 que mostra que a porcentaxe de persoas que poden falar a lingua galesa pasou dun 18,7 % a un 20,8 % na última década. Porén, existe preocupación de que a lingua non se empregue amplamente no día a día.

Fonte: Wales Online

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder