Mundo
A crecente demanda de clases de árabe en Suíza insta a unha mellora da aprendizaxe desta lingua
A pesar da impresión negativa que dominou a opinión pública occidental despois do atentado do 11 de setembro de 2001, o árabe continuou a súa expansión en Occidente. En Suíza, a demanda de cursos de árabe está medrando, tanto por parte da comunidade residente árabe como polos propios suízos interesados no idioma.
Fonte: Swissinfo
O Goberno de Guam proxecta engadir máis horas lectivas de lingua e cultura chamorras no ensino público do país
Co fin de preservar a lingua autóctona, o Goberno de Guam, no Pacífico occidental, introduciu unha lei que requirirá a impartición de máis anos de lingua chamorra nas escolas públicas. No canto de cursar un ano en ensino medio e outro ano en ensino superior, o departamento de educación de Guam aspira a facer obrigatorio o ensino da lingua autóctona durante todos os cursos do ensino medio e dous anos do ensino superior.
Fonte: Guampdn
Publícase a tradución da Biblia á lingua quiché en Guatemala
Con motivo do estudo da exhortación apostólica "Verbum Domini", Julio Cabrera, bispo de Julapa, en Guatemala, presentou a tradución da Biblia ao quiché, a lingua de maior difusión das 22 linguas maias presentes no país centroamericano.
Fonte: Radio Vaticana
Anxo Lorenzo preside o encontro dos centros de estudos galegos de Gran Bretaña e Irlanda
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presidiu en Oxford o encontro dos centros de estudos galegos de Gran Bretaña e Irlanda. Na xornada, que se desenvolveu no Queen’s College, participaron os responsables e os lectores e as lectoras dos centros de estudos galegos das universidades de Oxford, Birmingham, Bangor e Cork.
Fonte: Xunta de Galicia
Europa planea normas máis estritas de coñecemento lingüístico para os médicos

As queixas dos pacientes sobre a falta de competencia lingüística dos médicos estranxeiros na lingua oficial dos países da Unión Europea fai pensar nunha mudanza nos requisitos lingüísticos para os médicos que aspiren a exercer a profesión nun país do Espazo Económico Europeo, que inclúe, ademais dos 27 estados membros da Unión Europea, os países de Noruega, Islandia e Liechtenstein.
Fonte: CMAJ
Falantes de romanche en Suíza opóñense á lingua estándar
A antiga polémica sobre a normativización da lingua retorrománica ou romanche xurdiu de novo con sorprendente forza no cantón de Graubünden, onde se fala esta lingua. A variedade estándar, coñecida como romanche grisón (RG), está a ser introducida gradualmente co fin de incrementar o coñecemento da lingua nas escolas primarias e parece que acabará por suplantar os dialectos rexionais. Porén, os opositores do RG como lingua de instrución constituíron agora un grupo de presión que defende a aprendizaxe dos dialectos.
Fonte: Swissinfo
Algunhas empresas de Quebec non publican os seus documentos en francés
A lexislación en materia lingüística de Quebec establece que a lingua oficial desta provincia canadense é o francés. Malia isto, accionistas nativos de lingua francesa dalgunhas empresas quebequesas non poden obter a documentación nesta lingua.
Fonte: CTV News
O inglés será materia obrigatoria no ensino primario de Xapón
O alumnado xaponés de entre 10 e 12 anos recibirá clases de lingua estranxeira obrigatorias o que alenta as esperanzas dos educadores e os membros da comunidade empresarial de deixar atrás décadas de déficit no coñecemento da lingua inglesa.
Fonte: Guardian
A tradición oral preservou en Portugal algunhas variedades lingüísticas alén do portugués e o mirandés
Alén do portugués e do mirandés oficiais, en Portugal fálanse tamén outras variedades lingüísticas creadas por determinados grupos profesionais que están a caer en desuso e que non gozan de recoñecemento oficial.
Fonte: Sol
Con máis de nove séculos de historia o mirandés recupera prestixio en Portugal
O recoñecemento oficial do mirandés como segunda lingua de Portugal ditou a necesidade de elaborar os primeiros manuais de estudo e normalización deste idioma, o que deu como resultado a publicación da “Convención Ortográfica da Lingua Mirandesa”.
Fonte: Correio do Minho
Boletín
Subscríbase ao boletín