Mundo
Unha formación política reclama o recoñecemento do santali como primeira e segunda lingua en diferentes estados indios
O líder do partido de Jharkhand Disom na India reclamou o recoñecemento do santali como primeira lingua no estado de Jharkhand, no leste do país. Ademais, engadiu que noutros estados indios a lingua santali conta cun bo número de falantes, polo que debería recibir o status de segunda lingua nos estados respectivos conforme ao artigo 347 da Constitución da India.
Fonte: The Times of India
O ministro de Educación de Cimbabue reclama a contratación de profesores competentes en linguas locais nas escolas primarias
O ministro cimbabués de Educación, David Coltart, defendeu a necesidade de contar con profesores que sexan competentes nas linguas locais sesotho, venda, kalanga e ndebele nas rexións Matabeleland. "Os alumnos deben poder aprender na lingua que os seus pais falan con eles, xa que constitúe a base da súa aprendizaxe. Se non lles dan esa oportunidade, a súa educación verase prexudicada", afirmou.
Fonte: News Day
O lingüista López Morales augura un crecemento imparable do español
O futuro do español está garantido, sobre todo nos Estados Unidos. Así o manifestou o lingüista e secretario xeral da Asociación de Academias da Lingua Española, Humberto López Morales, ao afirmar que esta é “hoxe a cuarta lingua máis falada do planeta” e “é moi posible que en tres ou catro xeracións o 10 por cento da poboación mundial se entenda en español”.
Fonte: Levante-emv.com
A Universidade de Haifa (Israel) revela que as persoas bilingües teñen máis facilidades para aprender unha terceira lingua
Dous investigadores do Departamento de Educación Especial da Universidade de Haifa desenvolveron un estudo que mostra que os alumnos que coñecen dúas linguas teñen máis facilidades para acadaren o dominio dunha terceira cás persoas monolingües.
Fonte: OneIndia
Microsoft e lingüistas apostan pola preservación do mirandés
A empresa Microsoft, o Instituto de Lingüística Teórica e Computacional e a Asociación da Lingua Mirandesa están a desenvolver un proxecto tecnolóxico innovador para preservar o ensino e a divulgación do mirandés, a segunda lingua oficial de Portugal.
Fonte: Diário Digital
A lingua romaní non se ensina nas escolas da República Checa por falta de interese
Aínda que o Ministerio de Educación checo introduciu cursos de lingua, cultura e historia romanís en escolas de ensino primario e secundario, estes non se están a impartir en ningunha escola e, segundo expertos de asuntos relacionados co pobo xitano, a comunidade romaní parece non mostrar interese na iniciativa.
Fonte: České Noviny
Francia empregará a lingua corsa no festival da canción de Eurovisión
Por primeira vez desde 1993, a lingua corsa escoitarase durante o festival da canción de Eurovisión. Amaury Vassili, o representante francés deste ano, realizará a súa intervención musical nesta lingua.
Fonte: Esctoday.com
O árabe ten unha presenza escasa nos centros educativos franceses en comparación con outras linguas estranxeiras
Aínda que o árabe é a segunda lingua máis falada de Francia, está escasamente representada na educación pública. No ano 2009, só 6.000 alumnos (dun total de 5 millóns) cursaron clases nesta lingua, unha porcentaxe do 0,1 % que parece insignificante se a comparamos co 97,9 % dos alumnos que cursaron inglés ou o 41 % que cursou español.
Fonte: Le Figaro
A Unesco teme a desaparición do dialecto jeju en Corea do Sur
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) engadiu o dialecto jeju ao seu atlas das linguas en perigo. O organismo internacional afirmou nun comunicado que o jeju “é unha lingua seriamente ameazada e que conta con non máis de 10.000 falantes na Illa de Jeju na República de Corea do Sur".
Fonte: The Jeju Weekly
O Goberno francés rexeita unha lei sobre as linguas rexionais
O Goberno francés rexeitou de novo unha lei a favor das linguas rexionais en Francia. O deputado socialista alsaciano Armand Jung declarou ao ministro de Educación na Asemblea Nacional que a referencia ás linguas rexionais na constitución francesa é "unha farsa".
Boletín
Subscríbase ao boletín