Mundo

A Universidade Eduardo Mondlane de Maputo crea a cátedra de Portugués Lingua Segunda e Estranxeira

O obxectivo desta cátedra é "apoiar a investigación científica sobre a adquisición/aprendizaxe da lingua portuguesa como lingua non materna e sobre o seu ensino en contexto africano multilingüe".

Fonte: Cenaberta

Ecuador terá o seu primeiro dicionario para persoas xordas

O primeiro dicionario para persoas con discapacidade auditiva estará a disposición do público durante o primeiro trimestre de 2012.

Fonte: La Hora

Francia esixiralles aos estranxeiros dominio pleno da lingua francesa

O ministro do Interior de Francia, Claude Guéant, informou que se lles esixirá aos inmigrantes dominio intermedio da lingua francesa para que permanezan no país.

Fonte: DCI

Os paraguaios celebran o Día do Idioma Guaraní

Paraguai conmemorou o día 25 de agosto con mensaxes, actos oficiais e poemas o Día do Idioma Guaraní, unha lingua á que se lle pretende dar un novo impulso cunha lei que obriga a utilizala, xunto co español, nos documentos oficiais e coa creación dunha academia que unificará os criterios sobre o seu uso.

Fonte: El Nacional

O Goberno da rexión italiana de Friuli-Venezia Giulia destina 126.000 euros á promoción das minorías de lingua alemá

A rexión de Friuli-Venezia Giulia aprobou a repartición entre as entidades e asociacións que se ocupan da promoción das minorías de lingua alemá.

Fonte: AGI

A Comisión de Radiotelevisión e Telecomunicacións de Canadá busca representar mellor as linguas minoritarias oficiais

A Comisión de Radiotelevisión e Telecomunicacións de Canadá presentou dous informes nos que reitera o seu compromiso coas comunidades que falan linguas minoritarias oficiais. A Comisión expón que os informes destacan as decisións recentes que levarán a aumentar a representación das comunidades de falantes de linguas minoritarias oficiais e a mellorar o acceso ao sistema de radiodifusión.

Fonte: The Wire Report

Finlandia actualiza a formación dos intérpretes de "linguas raras" dada a súa escaseza

A escaseza de intérpretes cualificados de linguas raras levou algunha vez a situacións incómodas e mesmo raras nas consultas de médicos, na polícia e no Servizo de Inmigración de Finlandia. O Centro de Interpretación da Rexión de Helsinki conta con arredor de 400 intérpretes de linguas raras (raras no sentido de que poucos finlandeses nativos as falan), que teñen como misión axudar aos inmigrantes na súa vida cotiá nas catro cidades da gran rexión de Helsinki.

Fonte: Helsingin Sanomat

Un estudo internacional afirma que os alumnos do Reino Unido son os peores de Europa na aprendizaxe de linguas estranxeiras

Un estudo internacional mostra que os alumnos británicos teñen menos posibilidades de aprender múltiples linguas que case en ningún outro Estado Membro da Unión Europea. Os rapaces de países como Polonia, Eslovaquia, Bulgaria, Eslovenia, Letonia e Lituania teñen máis facilidades para aprender idiomas estranxeiros que os seus colegas británicos, tal e como mostran os datos.

Fonte: The Telegraph

O idioma armenio está incluído no proxecto de lei de Ucraína sobre a política lingüística do país

Os deputados ucraínos rexistraron no Parlamento do país o proxecto de lei "Sobre a política lingüística do país" segundo o cal o armenio é, entre outros, un dos idiomas que se pode "utilizar con liberdade" no país.

Fonte: News.am

Aumenta o número de estudantes de ensino secundario chineses que aprende unha segunda lingua estranxeira

O número de alumnos de ensino secundario que estuda unha segunda lingua estranxeira en Taiwán aumentou 2,7 veces na pasada década, mentres que os que realizan probas de certificación de lingua estranxeira se incrementaron en sete veces.

Fonte: The China Post

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder