Mundo

As escolas de educación primaria bilingües están en aumento en Alemaña

En toda a República Federal de Alemaña existen máis de 150 escolas de ensino primario bilingües e esta cifra vai en aumento. Nestes centros, as linguas estranxeiras impártense non só aos nenos de familias emigrantes, xa que os alumnos alemáns tamén sacan proveito desta oferta bilingüe.

Fonte: Deutsche Welle

Unha lei sobre o ensino grego no estranxeiro promoverá o estudo desta lingua

Presentouse ante o Goberno grego unha lei sobre a educación da lingua grega no estranxeiro que aspira a que se estableza unha conexión directa entre o financiamento e a calidade da educación para así acadar a máxima eficacia no ensino e difusión desta lingua.

Fonte: Greek Reporter

O organismo de control das linguas de Canadá esixe á compañía aérea Air Canada que respecte a lexislación lingüística

Air Canada debe mostrar un "compromiso claro" para cumprir coas súas obrigas á hora de dirixirse aos clientes nas dúas linguas oficiais de Canadá, subliñou un novo informe publicado polo organismo regulador de linguas. Grahan Fraser, comisario de linguas oficiais, engadiu que a compañía ten que adoptar 12 recomendacións para cumprir a lexislación en materia de linguas.

Fonte: Montreal Gazette

O portugués será materia opcional no sistema educativo estatal de Namibia

O portugués será disciplina opcional no sistema de ensino de Namibia a partir do inicio de 2012 e Portugal formará docentes e achegará asistencia técnica aos novos profesores. Esta iniciativa responde á proximidade de países como Angola e Mozambique e ao crecente interese dos cidadáns namibianos na aprendizaxe da lingua portuguesa para poder relacionarse cos cidadáns destes países nos campos diplomático, empresarial ou cultural.

Fonte: Angola Press

As linguas indíxenas de Arxentina están a piques de desaparecer

As 15 linguas indíxenas que existen actualmente en Arxentina están en perigo de extinción e, se non se toman medidas urxentes, desaparecerán a curto prazo, asegurou o investigador da Universidade de Bos Aires, Pedro Viegas Barros.

Fonte: El Universal

A voz dos bérberes álzase en Libia para esixir os seus dereitos lingüísticos

A voz silenciada dos bérberes álzase cunha forza renovada en Libia para esixir o pleno recoñecemento do seu idioma, o tamazight.

Fonte: Terra

O presidente da rexión kurda de Iraq insta os lingüistas a crearen unha norma estándar para o kurdo

O presidente da rexión kurda de Iraq, Massoud Barzani, instou os lingüistas a traballaren xuntos para crear unha norma estándar para a escrita do kurdo.

Fonte: Kurdish Globe

A minoría polaca de Lituania rexeita unha lei que demanda máis coñecementos de lituano

A minoría polaca de Lituania manifestouse en contra dunha nova lei que introduce a obrigatoriedade de facer exames en lituano para todos os alumnos dos niveis avanzados, xa que pensan que podería ser discriminatoria e ser un obstáculo para a educación da poboación polaca. A minoría étnica polaca de Lituania está integrada por 200 000 persoas dun total de 3 millóns de habitantes. Moitos destes polacos falan polaco na casa e asisten a escolas en lingua polaca.

Fonte: Taiwan News

O español é o segundo idioma máis estudado en escolas de Francia e Suecia

O español é a segunda lingua estranxeira máis estudada, despois do inglés, nos centros de educación primaria e secundaria de Francia e Suecia, segundo os datos difundidos pola oficina de estatística da Unión Europea (Eurostat). O español tamén é o segundo idioma estranxeiro máis estudado na educación primaria nas escolas do Reino Unido.

Fonte: European Pressphoto Agency

As escolas en linguas estranxeiras do Reino Unido recomendan os programas de inmersión lingüística

Moitas escolas británicas están comezando a impartir cursos de inmersión en linguas estranxeiras. Segundo un voceiro da organización das escolas de inglés como segunda lingua, os programas de inmersión proporcionan a maneira máis simple e rápida de garantir o dominio dunha lingua.

Fonte: PR Urgent

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder