Mundo

Un lingüista xaponés axuda a revivir unha lingua aborixe de Australia

O último falante vivo da lingua worrongo de Palm Island, Australia, é un lingüista xaponés, Tasuku Tsunodo, que creou un dicionario despois de aprender esta lingua do último falante nativo a comezos dos anos setenta. Agora axudará a desenvolver un programa para ensinar a lingua a nenos da illa.

Fonte: Nine news

A falta de competencias lingüísticas do Reino Unido podería ameazar a súa influencia en Europa

Segundo fontes da Comisión Europea, o Reino Unido podería correr o risco de perder influencia na Unión Europea de non se corrixir o descenso en picado das competencias en linguas estranxeiras do seu alumnado. Esta predición despréndese das noticias que indican un descenso dun 45 % na última década no número de alumnos que obtén unha cualificación básica nunha lingua estranxeira.

Fonte: Public Service Europe

O oriá debe converterse na lingua de instrución da educación superior no estado indio de Orissa

O oriá debe ser, xunto co inglés, a lingua de instrución da educación superior no estado indio de Orissa para que os estudantes poidan comprender mellor as materias, anunciou o ministro de Educación Superior, Badri Narayan Patra.

Fonte: Zee News

As milicias islámicas de Somalia supoñen unha ameaza para a lingua inglesa

As milicias islámicas Al Shabab, vinculadas a Al Qaeda, supoñen unha ameaza para a lingua inglesa en Somalia, segundo informou o xornal londiniense Al-Quds Al-Arabi. Na cidade de Chisimaio, no sur do país, as milicias prohibiron o ensino do inglés nas escolas e obrigaron os profesores a substituílo polo árabe, a lingua do Corán.

Fonte: Adn Kronos

A construción de novas zonas residenciais no condado galés de Conwy podería supor unha ameaza para a lingua galesa

A construción de ata 7900 novas vivendas no condado galés de Conwy podería arruinar a cultura local. Esta é a opinión dos concelleiros que están a adoptar unha postura histórica para protexer a lingua e cultura galesas e o medio natural nesta zona de Gales.

Fonte: Daily Post

A televisión estatal kazakhistana desfaise dos contidos retransmitidos en ruso

A principal televisión pública de Kazakhistán cesa a emisión de contidos en ruso a pesar de que esta lingua goza no país de status de lingua oficial. O cambio tamén inclúe a esixencia dalgúns políticos de eliminar o ruso da constitución do país, 20 anos despois da independencia da antiga Unión Soviética.

Fonte: The Telegraph

Medra o número de persoas que estuda alemán no Brasil

Mentres a tendencia mundial é de estancamento no número de estudantes do idioma, no Brasil o interese pola lingua de Goethe é cada vez maior. Máis de 91000 brasileiros estudan hoxe alemán, 41 % máis que no inicio da década.

Fonte: Deutsche Welle

O primeiro ministro de Montenegro e a oposición chegan a un acordo sobre o nome da lingua que se ensinará nas escolas

O primeiro ministro de Montenegro, Igor Lukšić, e a oposición chegaron a un acordo sobre o nome da lingua e a materia que se impartirá no sistema educativo do país balcánico. O acordo converte o montenegrino na lingua oficial e o serbio, bosnio e croata en linguas de uso oficial.

Fonte: Government of Montenegro

Os tibetanos mostran un grande interese por aprender inglés co fin de ter máis oportunidades laborais no futuro

Coa intención de acadar o mesmo nivel que os seus homólogos indios, os estudantes tibetanos das escolas e universidades, incluídos os que estudan no ámbito rural, inscríbense cada vez máis en cursos de lingua inglesa para ter máis posibilidades laborais no futuro no resto de China ou no estranxeiro.

Fonte: Indian Express

Un estudo mostra que o francés está en declive nos fogares da cidade canadense de Montreal

De aquí a vinte anos, menos da metade dos habitantes da cidade canadense de Montreal falará francés na casa, segundo indicou un estudo publicado pola oficina da lingua francesa de Quebec.

Fonte: Montreal Gazette

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder