Mundo
Unha escola universitaria desenvolverá a educación superior en lingua galesa
Nace a escola universitaria Coleg Cymraeg Cenedlaethol co obxectivo de desenvolver a educación superior en galés. Esta institución permitirá que estudantes universitarios cursen unha gran variedade de materias en lingua galesa.
Fonte: BBC News
O número de nenos que aprende gaélico en Escocia debe duplicarse para garantir a supervivencia da lingua
O número de nenos que aprende gaélico escocés cada ano debe duplicarse para cambiar a tendencia actual de descenso no número de falantes. A axencia para a promoción da lingua gaélica, Bord na Gaidhlig, aspira a acadar, entre 2012 e 2017, un incremento anual dun 15 % de alumnos nas escolas de lingua gaélica, así como un aumento no número de estudantes adultos e de alumnos que a aprenden como segunda lingua nas escolas e centros universitarios.
Fonte: Scotsman
Unha candidata ás primarias socialistas en Francia avoga polo ensino obrigatorio da lingua bretoa
A candidata ás eleccións primarias socialistas e actual alcaldesa da cidade de Lille, Martine Aubry, apoiará o ensino obrigatorio da lingua bretoa na Bretaña. Ademais, tamén se declara defensora dunha educación bilingüe en francés e na lingua vernácula en todos os territorios onde se fale unha lingua rexional.
Fonte: Ouest France
Un informe mostra que hai unha necesidade urxente de desenvolver o ensino das linguas estranxeiras en Irlanda
O documento sobre a Estratexia das Linguas Nacionais, elaborado polo comité de estudos literarios, culturais e de linguas modernas da Real Academia de Irlanda, indica que a República de Irlanda é o único país de Europa, ademais de Escocia, onde non é obrigatorio o ensino de linguas estranxeiras en ningunha etapa do currículo educativo. O informe mostra tamén que a falta dunha estratexia coherente de aprendizaxe de linguas estranxeiras nas escolas de ensino primario e secundario está danando a competitividade do Estado irlandés no mundo.
Fonte: Irishtimes
O Goberno coreano intensifica esforzos para potenciar o estudo da lingua coreana no estranxeiro
O Ministerio de Cultura, Deporte e Turismo de Corea do Sur mellorará e incrementará o número dos seus programas de ensino de coreano a estranxeiros o próximo ano por medio dun paquete de medidas que inclúe a mellora do acceso aos institutos públicos de lingua coreana en todo o mundo. O Ministerio tamén aspira a incrementar a calidade dos profesores de coreano e introducir un currículo estandarizado para o ensino da lingua.
Fonte: The Korea Times
A Cámara baixa de Arxentina estudará a tradución da Constitución a algunhas linguas indíxenas
A Comisión de Poboación e Desenvolvemento Humano da Cámara baixa de Arxentina tratará un proxecto para realizar a tradución da Constitución ás diferentes linguas dos pobos indíxenas que habitan o país. As linguas serán, entre outras, o mapuche, o guaraní e o quechua.
Fonte: El Diario 24
Máis de 90 obras de autores lusófonos foron traducidas a linguas estranxeiras neste ano
Máis de 90 títulos de autores portugueses e africanos de expresión portuguesa foron traducidos este ano a linguas estranxeiras, no ámbito dos programas de apoio da Dirección Xeral do Libro e das Bibliotecas en Portugal, organismo que dedicou case 200.000 euros á tradución e promoción de autores lusófonos.
Fonte: Diário Digital
Abre as súas portas o primeiro museo da lingua española en Latinoamérica
O Goberno arxentino inaugurou en Bos Aires o primeiro museo da lingua española en Latinoamérica. Na devandita inauguración non estivo presente ningún representante de España nin da Real Academia Española.
Fonte: El Mundo
O Goberno rexional de Sardeña financiará a retransmisión de espazos radiofónicos de noticias en lingua sarda
O Goberno rexional de Sardeña aprobou financiamento para a retransmisión de boletíns radiofónicos de noticias en lingua sarda.
O ministro principal de Gales nomea por vez primeira o posto de comisario da lingua galesa
O ministro principal de Gales, Carwyn Jones, anunciou a súa intención de nomear a Meri Huws como a primeira comisaria da lingua galesa. Carwyn Jones declarou: "Este novo cargo terá unha importancia fundamental á hora de transmitir a imaxe do Goberno galés dunha lingua galesa próspera e en boa saúde".
Fonte: eGovmonitor
Boletín
Subscríbase ao boletín