Mundo
O ruso podería converterse na segunda lingua oficial de Letonia
Está en marcha unha campaña en Letonia para adoptar o ruso como segunda lingua oficial. Prevese que esta reciba un importante apoio, dado que case a metade da poboación do país é de orixe rusa. No caso de que se oficialice, o ruso pode converterse tamén en lingua oficial da Unión Europea.
Fonte: Euronews
Unha canle de televisión en lingua irlandesa publica unha aplicación gratuíta para aprender irlandés
A canle de televisión en lingua irlandesa TG4 publicou a súa primeira aplicación para aprender irlandés. Pensada fundamentalmente para os máis pequenos, este novo recurso contén máis de 100 palabras en irlandés, polo que tamén pode ser ideal para aqueles que se inician na aprendizaxe da lingua.
Fonte: The Journal
O español é a terceira lingua máis utilizada en internet
O español é a terceira lingua máis utilizada en internet e supón un 8 % dos idiomas usados, un aumento dun dous por cento respecto ao ano 2000, segundo amosan as conclusións do libro Word for Word/Palabra por palabra, realizado polo Instituto Cervantes e o British Council.
Fonte: Diario de Navarra
A cidade de Dubai terá tribunais en lingua inglesa a disposición de empresas estranxeiras
As empresas estranxeiras que teñan negocios na cidade de Dubai, nos Emiratos Árabes Unidos, teñen agora a opción de acudir a tribunais en lingua inglesa no Centro Financeiro Internacional de Dubai para resolver os seus litixios.
Fonte: Out-Law
Rusia defende na OTAN que o ruso se converta en lingua de traballo da Unión Europea
O enviado de Rusia na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Dmitry Rogozin, propuxo a celebración dun referendo nos Estados europeos para que o ruso se converta en lingua de traballo da Unión Europea. O partido gobernante, Rusia Unida, apoiou esta proposta.
Fonte: RT
A Axencia Rexional para a Lingua Friulana publica un dicionario bilingüe italiano-friulano
A Axencia Rexional para a Lingua Friulana publicou en seis volumes o Grant Dizionari Bilengâl Talian Furlan (Gran Dicionario Bilingüe Italiano-Friulano). A obra, que tamén se difunde nun CD e en liña, constitúe actualmente o maior investimento en materia de lingua friulana da rexión de Friuli-Venecia Giulia.
Expertos en educación de Malaisia reclaman que o inglés permaneza como lingua de instrución nas escolas
Algúns dos máis importantes pedagogos de Malaisia reclaman que o inglés siga sendo a lingua de instrución das materias de ciencias e matemáticas nas escolas públicas, ante o temor de que sexa substituído pola lingua nacional. Defenden que non se pode negar a importancia da lingua inglesa e que a política educativa ten que estar en mans dos profesionais educativos e non dos políticos.
Fonte: The China Post
O Goberno luso reducirá o número de clases de portugués no estranxeiro
A Federación Nacional de Educación en Portugal alertou que o Goberno prevé a redución do número de cursos de portugués no estranxeiro, o que terá como consecuencia o incremento do desemprego docente.
Fonte: Público
Vietnam impulsa o ensino do inglés na educación pública
Unha ambiciosa iniciativa do Ministerio de Educación vietnamita obrigará a máis de 80 000 profesores das escolas públicas de Vietnam a acadar un nivel intermedio de inglés e aprobar un exame que o demostre co fin de garantir que todos os estudantes que rematen o ensino secundario teñan coñecementos sólidos da lingua inglesa de aquí a 2020.
Fonte: The Guardian
O ensino en gaélico é fundamental para salvar a lingua en Escocia
O fomento da educación preescolar e primaria en lingua gaélica constitúe a principal iniciativa do condado escocés de North Lanarkshire para tentar inverter o declive da lingua nativa de Escocia.
Fonte: Evening Times
Boletín
Subscríbase ao boletín