Mundo

O estado mexicano de Michoacán creará o Instituto das Linguas Indíxenas

No estado mexicano de Michoacán asinarase un decreto que aprobará a creación do Instituto das Linguas Indíxenas cuxas principais metas serán a promoción, preservación e desenvolvemento das linguas nativas faladas nesta zona de México.

Fonte: Quadratin

O portugués convértese na terceira lingua oficial de Guinea Ecuatorial

A Asemblea Nacional de Guinea Ecuatorial aprobou o portugués como terceira lingua oficial do país, paso necesario para adherirse á Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa.

Fonte: Macauhub

O Goberno dos Estados Unidos decretará o uso de papeletas bilingües en 25 estados nas próximas eleccións

Ante a proximidade das vindeiras eleccións primarias de 2012, o Goberno federal dos Estados Unidos decretará que 248 condados estadounidenses e outras xurisdicións políticas faciliten papeletas bilingües a membros da comunidade hispana ou doutras minorías que non dominen a lingua inglesa. Se for preciso, os votantes recibirán tamén asistencia lingüística específica para que poidan participar no proceso electoral.

Fonte: Forbes

Francia endurece os requisitos lingüísticos á poboación inmigrante

Francia endurecerá as normas de tipo lingüístico aos estranxeiros interesados en obter a cidadanía, que deberán presentar probas escritas que certifiquen o dominio suficiente do francés para poder vivir no país.

Fonte: The News

O Goberno da provincia canadense de Nunavut debe tomar medidas de acción para salvar a lingua inuit

Conseguir que a mocidade e as familias se impliquen no uso das linguas inuktitut e inuinnaqtun na provincia canadense de Nunavut é esencial para a súa supervivencia, afirmou Cathi Towtongie, presidenta de Nunavut Tunngavik Inc., unha institución que se centra na protección dos intereses do pobo inuit.

Fonte: Nunatsiaq Online

As linguas locais de Zambia necesitan gozar dunha maior presenza nos medios de comunicación

A ministra zambiana de Asuntos Tradicionais, Inonge Wina, solicitou aos medios de comunicación que inclúan as linguas locais zambianas nos seus espazos comunicativos. A ministra defendeu esta proposta en Lusaka nun obradoiro da Academia Africana das Linguas, unha institución especializada da Unión Africana centrada no desenvolvemento e promoción das linguas africanas como medio de fomentar a integración e o progreso do continente africano.

Fonte: Zambia Daily Mail

O Goberno británico planea a prohibición de presentarse ao exame do permiso de conducir en linguas estranxeiras

O Goberno británico planea a prohibición de presentarse aos exames do permiso de condución en linguas estranxeiras. Co fin de conseguir a máxima seguridade, os novos condutores deberán poder ler os sinais de tráfico en inglés. Segundo a regulación actual, os candidatos poden presentarse ao exame teórico en 19 linguas estranxeiras e realizar a proba práctica coa presenza dun intérprete.

Fonte: Scotsman

A lingua chinesa está acadando unha maior presenza nas aulas europeas e estadounidenses

O rápido crecemento económico de China estase a traducir pouco a pouco nunha maior presenza desta lingua nas aulas das escolas europeas e estadounidenses. Actualmente, centos de milleiros de estudantes en Europa e nos Estados Unidos están optando cada vez máis por cursar chinés mandarín en detrimento, moitas veces, de linguas tradicionais como o español ou o alemán.

Fonte: Financial Times

O crecemento económico do Brasil anima os estranxeiros a aprenderen portugués

O crecemento da economía brasileira e a maior presenza de multinacionais no país están a aumentar o interese dos estranxeiros por aprenderen a lingua portuguesa. Na última década, o número de inscritos no Celpe-Bras, exame de competencia en portugués recoñecido polo Ministerio de Educación brasileiro, pasou de 1155 a 6139.

Fonte: Jornal Luzilândia

A Asociación Gaélica de Escocia pensa que o gaélico debería ser a lingua principal das Hébridas Occidentais

O presidente dunha das asociacións máis antigas da lingua gaélica reclama un uso máis prominente da lingua nas Hébridas Occidentais de Escocia. John MacLeod, de An Comunn Gaidhealach (A Asociación Gaélica), declarou que o gaélico debería converterse na "lingua principal das actividades públicas".

Fonte: BBC

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder