Mundo

Un grupo de lexicógrafos está traballando na unificación dos dous vocabularios da lingua portuguesa existentes

Lexicógrafos da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) encóntranse reunidos en Cabo Verde para definir a metodoloxía destinada a consolidar e unificar os dous vocabularios da lingua portuguesa existentes publicados en Portugal e Brasil.

Fonte: SIC Notícias

Institucións académicas de México asinarán un acordo para salvar as linguas iumanas

Ante o acelerado proceso de desaparición das linguas iumanas, cucapá, kiliwa, paipai e kumiai, os únicos catro idiomas indíxenas vivos do estado mexicano de Baixa California, diversas institucións académicas asinarán un convenio de colaboración para o seu rescate.

Fonte: El Universal

Islandia introduce o chinés nas escolas elementais

O pasado ano académico, 23 alumnos de Islandia estudaron chinés nas escolas elementais, algo que non se producira ata agora na educación regrada deste país nórdico. O inglés é a primeira lingua estranxeira da educación obrigatoria, seguido do dinamarqués. Porén, en moitas escolas, os alumnos que coñezan linguas como o noruegués ou o sueco, poden cursar estas linguas no canto do dinamarqués.

Fonte: Iceland Review

A falta de competencias lingüísticas supón un gasto de 21.000 millóns de libras para as empresas británicas

O Foro de Empresas Privadas do Reino Unido advirte que as baixas competencias lingüísticas en linguas estranxeiras supoñen un gasto de 21.000 millóns de libras esterlinas para as empresas, o que as deixa nunha situación de desvantaxe por detrás das corporacións que invisten cada vez máis en persoal multilingüe.

Fonte: Fresh business thinking

O condado escocés de North Lanarkshire traballa nun plan para promover a lingua gaélica

Os residentes do condado escocés de North Lanarkshire deberán dar a súa opinión acerca do plan da corporación local destinado á promoción da lingua gaélica.

Fonte: Motherwell Times

Un grupo de investigadores chineses e estadounidenses traballarán xuntos para salvar linguas ameazadas de China

A Universidade de Kansas está participando nun proxecto de preservación de linguas ameazadas do occidente de China grazas á axuda de dúas bolsas do programa de documentación de linguas ameazadas. Dous investigadores da Universidade de Kansas e da Universidade de Qinghai Nationalities traballarán en métodos destinados á recuperación de linguas ameazadas e formarán outros lingüistas para que continúen o seu traballo. Ademais, crearon un sitio web que documentará o idioma de Salar, unha lingua ameazada dunha rexión do occidente de China, ademais doutras catro linguas que se falan nunha rexión que foi poboada por mongois, turcos, tibetanos e chineses no século XIII.

Fonte: Kansan

En Perú hai 30 intérpretes de lingua de signos para 700.000 persoas con discapacidade auditiva

En Perú, arredor de 700.000 persoas sofren algún tipo de discapacidade auditiva. Porén, calcúlase que existen só 30 intérpretes en lingua de signos para a totalidade desta poboación, é dicir, só hai un intérprete para máis de 23.000 persoas con xordeira.

Fonte: La República

Publícanse en internet as novas regras ortográficas da lingua portuguesa

As novas regras da lingua portuguesa xa están dispoñibles gratuitamente en internet. Esta nova edición en liña, dispoñible en http://www.flip.pt/acordo, ten como obxectivo explicar nunha linguaxe simple como se aplica o novo Acordo Ortográfico da lingua portuguesa.

Fonte: Jornal de Notícias

Publícase o Antigo Testamento da Biblia en lingua córnica

Os falantes de córnico poden ler agora a Biblia na súa lingua, despois de que o profesor Nicholas Williams traducira o Antigo Testamento ao córnico. Para esta obra, o tradutor empregou varias versións, entre as que se inclúen textos escritos en hebreo e grego.

Fonte: BBC News

O árabe ensinarase nas escolas públicas turcas

O Ministerio de Educación turco elaborou un novo programa para este ano académico que introducirá o árabe como materia optativa para os alumnos de educación primaria.

Fonte: World Bulletin

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder