Mundo

O Goberno canadense propón o dominio das linguas nacionais como requisito para acadar a cidadanía

O Ministro de Inmigración canadense, Jason Kenney, propuxo cambios nos criterios de nacionalidade que obrigarán os titulares de visados canadenses a demostrar o dominio de inglés ou francés, as dúas linguas oficiais de Canadá, para poder acadar a cidadanía.

Fonte: Canadian Visa Bureau

Todos os hospitais e clínicas de México terán intérpretes de linguas indíxenas

Segundo a reforma sanitaria aprobada por unanimidade pola Cámara de Senadores de México, todos os hospitais e clínicas do sistema nacional de saúde deberán contar con intérpretes de lingua indíxena para atender a poboación das comunidades indíxenas.

Fonte: El Heraldo de Chiapas

Preséntase un novo sitio web para aprender gaélico escocés

Con motivo do festival nacional da cultura gaélica escocesa (Am Mòd Nàiseanta Rìoghail), presentouse un novo recurso dirixido a persoas interesadas en aprender a lingua gaélica. LearnGaelic.net ofrece aos usuarios orientación gramatical, unha ferramenta terminolóxica e información sobre a cultura gaélica co fin de reforzar o dominio e o coñecemento desta lingua.

Fonte: Highland News

O éuscaro estivo presente na Feira das Linguas de Londres

O Instituto Vasco Etxepare participou na edición de 2011 da Feira das Linguas de Londres, unha das máis importantes feiras lingüísticas de Europa, onde o éuscaro compartiu expositor con linguas de todo o mundo.

Fonte: Eitb

A nova versión do dispositivo de lectura dixital Kindle incorpora o dicionario da lingua portuguesa

A versión máis recente de Kindle, o dispositivo de lectura de libros dixitais, xa ten incorporado o dicionario da lingua portuguesa, froito dun acordo asinado entre a empresa portuguesa Priberam e Amazon.com.

Fonte: Observatório da Língua Portuguesa

Un novo directorio permitirá aos cidadáns atopar un notario que fale a súa lingua en calquera lugar de Europa

Os cidadáns da Unión Europea teñen agora a posibilidade de atopar un notario que fale a súa lingua en calquera país de Europa. O Comité de Notarios da Unión Europea (CNUE) e a Comisión Europea puxeron en marcha o directorio www.notaries-directory.eu que permitirá aos cidadáns atopar un notario en Praga, por exemplo, que fale portugués co obxectivo de que lles axude cos negocios transfronteirizos como a adquisición de bens inmobiliarios ou operacións de liquidación de sucesións, entre outros.

Fonte: Galicia Hoxe

O chinés pode converterse na lingua dos negocios no futuro

Aínda que o inglés segue sendo a lingua máis falada entre o persoal directivo dos catro continentes, o chinés estase convertendo non só na lingua máis falada do mundo senón tamén na chave mestra para o mercado asiático, líder mundial da produción industrial.

Fonte: Manager Online

Chégase a un acordo sobre o financiamento da canle de televisión en lingua galesa ata 2017

A BBC, a S4C (canle en lingua galesa) e o Goberno británico chegan a un acordo sobre o financiamento da televisión galesa ata 2017. O presidente da dirección da S4C, Huw Jones, considerou o acordo como "histórico e importante".

Fonte: Wales Online

As empresas escocesas empregan cada vez máis a lingua gaélica

As empresas e organizacións de Escocia empregan cada vez máis o gaélico nas súas actividades e carteis comerciais, segundo a asociación da lingua gaélica Comunn na Gàidhlig.

Fonte: BBC News

Galicia colabora na definición de iniciativas para impulsar a diversidade lingüística no ámbito europeo durante 2012

A Secretaría Xeral de Política Lingüística participa na reunión da comisión executiva da Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística en Europa (Network to Promote Linguistic Diversity, NPLD), onde se aborda o plan de traballo da entidade para o ano 2012.

Fonte: Xunta de Galicia

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder