Mundo
A promoción do inglés ameaza as linguas indíxenas de Nixeria
Un profesor da Universidade do Estado de Osun en Nixeria, Siyan Oyeweso, expresou a súa preocupación polo estado lamentable das linguas indíxenas no país africano, que están ameazadas pola promoción do inglés. O profesor culpou desta situación á administración colonial británica que aplicou de maneira deliberada unha política de freo á protección das linguas indíxenas.
Fonte: The Nation
Bahrain incrementa a aprendizaxe da lingua francesa nas escolas públicas
O árabe é a lingua oficial e principal de Bahrain e o inglés foi, ata agora e case de maneira exclusiva, a única lingua estranxeira en todas as escolas. Abdullah Al Mutawa, ministro de Educación, anunciou recentemente que incrementará o número de escolas que imparten francés no próximo ano académico.
Fonte: Gulfnews
A experiencia da lingua vasca podería axudar á recuperación das linguas indíxenas de Colombia
A conselleira vasca de Cultura, Blanca Urgell, opinou con motivo dun seminario de ensino de linguas nativas en Bogotá que a experiencia do éuscaro pode "servir de exemplo" para a recuperación e protección das linguas dos pobos indíxenas de Colombia.
Fonte: ABC
Sudán do Sur suprimirá o uso do árabe nas escolas do país
O ministro de Educación de Sudán do Sur, Joseph Ukel, declarou que o árabe será substituído gradualmente polo inglés como lingua oficial de comunicación nas escolas e oficinas públicas, tal e como se establece na nova constitución do país africano.
Fonte: Saturday Nation
Unha nova lei definirá as normas para a utilización das linguas indíxenas de Angola
O Parlamento de Angola aprobou unha lei que definirá as normas xerais de uso das linguas nacionais de orixe africana, informou a ministra de Cultura, Rosa Cruz.
Fonte: Jornal de Angola
Perú defende a promoción das linguas vernáculas para reducir as diferenzas no rendemento educativo
Un dos principais problemas de Perú son as diferenzas no rendemento educativo. Por este motivo, a ministra peruana de Educación, Patricia Salas O'Brien, defendeu que é importante que as poboacións de Perú e América Latina non sintan que as súas linguas indíxenas son un estigma de pobreza e exclusión. Co fin de resolver esta situación, o Ministerio de Educación peruano ten como obxectivo impulsar a educación bilingüe e a normalización das linguas indíxenas.
Fonte: Univision
Unha lingüista rusa proponse salvar unha lingua ameazada de Canadá
Investigadores rusos e da cidade canadense de Saskatoon están tentando salvar unha lingua doukhobor que está a piques de desaparecer en Canadá. A lingüista Veronika Makarova, que abandonou Rusia para salvar esta lingua, estima que hai menos de 50 persoas que aínda a falan na provincia canadense de Saskatchewan.
Fonte: The Vancouver Sun
Unha lingua crioula de Macau está a piques de desaparecer
O patuá macaense, unha lingua crioula de base portuguesa influenciada polo cantonés e o malaio, está considerada pola UNESCO como "seriamente ameazada". Estímase que unicamente un pequeno grupo de persoas pode falar a lingua en Macau e, se cadra, uns poucos centos nas comunidades macaenses do estranxeiro.
Fonte: AFP
Defensores das linguas caucásicas reclaman a Turquía a protección da lingua laz
Defensores da lingua laz en Turquía solicitaron oficialmente ao Goberno turco que cree un instituto para a protección e estudo do laz, unha lingua caucásica ameazada que precisa de axuda gobernamental urxente para sobrevivir.
Fonte: Today's Zaman
Un grupo de expertos e lingüistas estadounidenses apresúrase a revitalizar a lingua cheroqui
Segundo as enquisas realizadas nos Estados Unidos, existen uns 300 000 cidadáns cheroquis, mais poucos de entre os menores de 40 anos teñen competencia oral na lingua cheroqui. Os esforzos para revitalizala incluíron a creación dun dicionario electrónico con máis de 10 000 entradas e a fundación dunha escola de inmersión lingüística.
Fonte: Physorg
Boletín
Subscríbase ao boletín