Mundo
A UNESCO apadriña o Instituto de Linguas Estranxeiras da Universidade de Reikiavik
O Instituto Vigdís Finnbogadóttir de Linguas Estranxeiras da Universidade de Islandia en Reikiavik funcionará agora baixo o mando da UNESCO. Este instituto é a primeira institución lingüística internacional en obter tal recoñecemento.
Fonte: Iceland Review
Un membro do Parlamento Europeo esixe exames de lingua para os médicos europeos
Un membro británico do Parlamento Europeo, Marina Yannakoudakis, esixe a obrigatoriedade de superar exames de lingua para os médicos que traballen na Unión Europea. Asegura ademais que o caso recente no que un médico alemán foi declarado culpable da morte dun paciente levanta “preocupacións sobre a mobilidade dos profesionais médicos na UE”.
Fonte: The Parliament
Agricultores de Zambia aprenden a escribir a lingua shanjo
Na remota Provincia Occidental de Zambia, un grupo de lingüistas afeccionados, na súa maior parte antigos agricultores, creou un sistema de escritura para a súa lingua materna, o shanjo, co fin de que todas as persoas da comunidade poidan aprendela. O grupo tamén está a traballar na tradución da Biblia cara a esta lingua.
Fonte: BBC News
Membros das academias da lingua española analizan a situación do español en Panamá
Un centenar de representantes das academias da lingua española de 22 países iniciaron en Panamá os seus traballos para analizar a situación do español no mundo e coordinar proxectos de colaboración para os próximos anos.
Fonte: El Universal
Publícase unha gramática da lingua kimbundo de Angola
Publicouse en Angola unha gramática na lingua kimbundo que, en palabras do seu autor, servirá de axuda para que rapaces novos falen, escriban e entendan esta lingua nacional de Angola.
Fonte: AngolaPress
Sri Lanka aspira a acadar a unificación nacional por medio da lingua
Sri Lanka quere potenciar as competencias lingüísticas dos seus cidadáns como principal medida para atallar as tensións étnicas que levaron ao conflito separatista na illa. No marco dun plan de acción nacional, o Goberno animará os cidadáns a falaren con fluidez o cingalés, o támil e o inglés.
Fonte: IBN Live
Un estudo evidencia a necesidade de reformar a política lingüística na educación estatal de Namibia
A Fundación Urbana de Namibia esixiu "unha sólida reforma da política lingüística" nas escolas namibianas "co fin de deter o fracaso continuado dos estudantes". Un estudo mostrou que "unha alta porcentaxe dos alumnos se mostran confundidos co inglés", segunda lingua na que se imparten as materias.
Fonte: All Africa
Un investigador da Universidade de Cambridge vive un ano en Groenlandia para salvar unha lingua inuit
Un investigador da Universidade de Cambridge, Stephen Leonard, viviu un ano nunha zona remota de Groenlandia co obxectivo de salvar unha lingua inuit que se transmite de xeración en xeración a través da tradición oral.
Fonte: BBC News
O 40 % dos funcionarios de Macau ten coñecementos de portugués
Máis do 40 % dos funcionarios públicos de Macau posúe coñecementos lingüísticos orais ou escritos de portugués. O inglés domínano un maior número de traballadores, a pesar de non ser lingua oficial.
Fonte: Diário digital
O árabe é a lingua que rexistra un maior incremento de uso en Twitter
En Twitter, o volume de mensaxes públicas en lingua árabe incrementouse un 2146 % durante o último ano. Como consecuencia, o árabe é a lingua que medra máis rápido en Twitter, de acordo cun estudo realizado por Semiocast, unha empresa con sede en París que elabora investigacións sobre as redes sociais.
Fonte: The Jerusalem Post
Boletín
Subscríbase ao boletín