Mundo
Un grupo de activistas quere que o Goberno de Nova Zelandia aprobe un proxecto de lei para o ensino das linguas rexionais
Un grupo de activistas das linguas das illas do Pacífico espera facer presión sobre o Goberno de Nova Zelandia para que aprobe un proxecto de lei para o ensino das linguas rexionais nas escolas. O catedrático Dov Spolsky, da Universidade de Waikato, impartiu unha conferencia a mestres e profesores sobre a necesidade da educación bilingüe se se quere que as linguas máis pequenas sobrevivan nun contexto de fala inglesa.
Fonte: Radio Australia
Declaran o quechua e o aimará linguas oficiais da rexión peruana de Puno
O Goberno rexional de Puno aprobou unha ordenanza rexional segundo a cal o quechua e o aimará foron declarados idiomas oficiais xunto co español. A ordenanza especifica que as linguas serán oficiais no seu "ámbito xeográfico correspondente" e tamén "en todo o ámbito da Administración pública".
Fonte: Nationalia
O Goberno de Novo Brunswick presenta un plan de linguas oficiais para esta provincia de Canadá
O Goberno de Novo Brunswick presentou un plan de linguas oficiais que durará dous anos e que ten como obxectivo mellorar os servizos bilingües na Administración pública e medir os avances.
Fonte: CBC
O Valedor do Pobo europeo pídelle á Comisión Europea que publique as consultas públicas en todas as linguas da UE
P. Nikiforos Diamandouros, o valedor do pobo europeo, pediulle á Comisión Europea que publique os documentos de consulta pública nas 23 linguas da Unión Europea ou que facilite traducións se así se solicitan. De acordo co valedor do pobo, os cidadáns non poden participar nunha consulta se non a entenden.
Fonte: Euroalert
Reavívanse os debates sobre a lingua en Quebec a medida que se atenúa o movemento soberanista
A medida que o movemento independentista da provincia canadense de Quebec perde forza, polo menos nun futuro inmediato, medra a sensibilidade sobre o debate lingüístico. Case a diario unha nova historia sobre a realidade lingüística é tema de conversa na radio, nos titulares da prensa ou nos debates políticos do Goberno da provincia.
Fonte: Winnipeg Free Press
Lingüistas de Cambridge enfróntanse ao reto de preservar a lingua que se fala nas illas da canle da Mancha
Estudosos da Universidade de Cambridge, no Reino Unido, enfróntanse contrarreloxo ao reto de rexistrar a lingua normanda falada polos invasores en 1066. Ninguén cunha idade inferior a 30 anos fala a lingua de maneira fluída e témese que poida desaparecer no período dunha xeración.
Fonte: Cambridge-news
Gales perde 3000 falantes de galés cada ano
Un experto en estatística advertiu que, a pesar da crecente popularidade da educación en lingua galesa, Gales continúa perdendo falantes de galés a un ritmo de 3000 persoas ao ano.
Fonte: Wales Online
Unha comunidade indíxena do Brasil publica un libro para evitar a extinción da súa lingua nativa
Unha comunidade indíxena do Brasil celebra estes días o lanzamento dun libro e un vídeo que inmortaliza a súa idiosincrasia e crea unha gramática da súa lingua para salvala da extinción. O idealizador do proxecto foi o líder dos Parkatejé, unha remota comunidade formada por unhas 400 persoas localizada no corazón do estado amazónico de Pará.
Fonte: La Vanguardia
Unha profesora universitaria esixe o coñecemento das linguas nativas angolanas como requisito para atopar emprego
A docente universitaria angolana Amélia Mingas defendeu que é preciso que as institucións competentes esixan o uso das linguas nacionais, tal como acontece co inglés, como requisito para a procura de emprego e engadiu que, dada a escasa promoción do ensino destas linguas, non se produciu un aumento significativo do seu uso en Angola desde a independencia de Portugal.
Fonte: Jornal de Angola
Noméase na Illa de Man o novo director da unidade da lingua manesa
Rob Teare sucederá a Rosemary Derbyshire no cargo de director de lingua manesa do departamento de educación e infancia da Illa de Man. Así mesmo, dirixirá a unidade da linga manesa e contará cun equipo de profesores que traballarán con estudantes de idades comprendidas entre os 7 e os 18 anos.
Fonte: BBC
Boletín
Subscríbase ao boletín