Mundo
Un referendo determinará o status do ruso en Letonia
O 19 de febreiro realizarase un referendo a nivel nacional para determinar se o ruso vai ser a segunda lingua oficial do país. Segundo a Comisión Electoral Central de Letonia, para que a lingua rusa adquira este status máis da metade dos habitantes de Letonia, en total unhas 772 000 persoas, deberían votar a favor.
Fonte: The Voice of Russia
O Goberno da India intensificará esforzos na promoción da lingua sánscrita
O primeiro ministro da India, Manmohan Singh, declarou que o Goberno indio continuará intensificando esforzos para promover, desenvolver e enriquecer a antiga lingua sánscrita.
Fonte: The Economic Times
Un membro do Parlamento indio reclama a protección do telugú
Un membro da Cámara baixa do Parlamento da India, Panabaka Lakshmi, lamentou que o pobo telugú estea adoptando o inglés como a súa primeira lingua e rexeite o telugú como lingua nativa. Ademais, pediu aos pais que ensinen telugú aos seus fillos e que o falen na casa.
Fonte: Deccan Chronicle
O director xeral da FAO anuncia que non haberá cambios na lista de linguas oficiais da organización
O director xeral da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), José Graziano da Silva, afirmou que, dadas as actuais restricións financeiras, a organización non debería rexistrar cambio ningún na súa lista de linguas oficiais nun futuro próximo.
Fonte: Jornal do Brasil
Un membro da Universidade de Cardiff en Gales demanda a creación dun novo grupo de presión a prol da lingua galesa
Simon Brooks, académico e activista da Universidade de Cardiff, afirma que é preciso fundar un novo grupo de presión a prol da lingua galesa para satisfacer os retos actuais de Gales.
Fonte: Wales Online
A comunidade de falantes de irlandés rexeita a fusión do comisario de lingua irlandesa coa oficina do Valedor do Pobo
A comunidade de falantes de gaélico irlandés da República de Irlanda instou o Goberno a abandonar as propostas que pretenden fusionar as funcións do comisario de lingua irlandesa coa oficina do Valedor do Pobo de Irlanda.
Fonte: The Journal
Publícase un novo software educativo para nenos na lingua inuit
Os nenos inuit están medrando con novas tecnoloxías en continua evolución mais algúns pais temen que as habilidades lingüísticas non poidan adaptarse ao ritmo imposto por estas tecnoloxías. Por este motivo, un pai da cidade canadense de Iqaluit decidiu crear un xogo educativo en liña e un software para nenos na lingua inuit.
Fonte: The Vancouver Sun
O arameo está prosperando nalgunhas zonas de Iraq
Coñecida comunmente como a lingua orixe do árabe e o hebreo, a antiga lingua aramea conta aínda con falantes e está prosperando nalgunhas zonas de Iraq. Hoxe en día, coa crecente estabilidade da rexión kurda do país, o arameo está rexurdindo na zona. Das 30 000 persoas estimadas que falan un dialecto do arameo no mundo, a maioría vive no Kurdistán iraquí.
Fonte: The Wall Street Journal
O ensino da lingua alemá florece en Europa
Nos tempos actuais de crise, un grupo de traballadores está a gozar de prosperidade grazas aos bos índices da economía xermana: os profesores de lingua alemá. Os centros do Instituto Goethe de toda Alemaña están a rexistrar un forte incremento de estudantes de Grecia e España, dous dos países máis castigados pola crise na zona do euro.
Fonte: FT
Un brasileiro de 15 anos adapta o iPhone á lingua portuguesa
Un mozo brasileiro de 15 anos adapta o iPhone 4S, da empresa norteamericana Apple, á lingua portuguesa. O aparello está dispoñible só en inglés, francés e alemán.
Fonte: Ciência Hoje
Boletín
Subscríbase ao boletín