Mundo
O partido laborista maltés aproba que o coñecemento do maltés sexa un requisito para os traballadores de Air Malta
O partido laborista maltés mostrou a súa satisfacción pola sinatura do acordo entre a compañía aérea Air Malta e o sindicato de membros de tripulación de cabina que supón que o dominio da lingua maltesa aínda sexa un requisito nas novas contratacións.
Fonte: Malta Today
A Academia da Lingua Quechua espera recibir financiamento do Goberno de Perú
A Academia da Lingua Quechua espera que o actual presidente de Perú, Ollanta Humala, aprobe o seu Regulamento de Organización e Funcións que garanta o financiamento necesario para implementar o ensino do quechua en Cusco e outras zonas do país.
Fonte: La República
O Consello da Lingua Galesa mostra dúbidas acerca da política lingüística do Concello de Merthyr no sur de Gales
O Consello da Lingua Galesa iniciou unha investigación sobre o modo no que o Concello de Merthyr Tydfil, no sur de Gales, está a empregar a lingua galesa na comunicación coa cidadanía. A presidenta do Consello, Meri Huws, declarou que a publicación do seu sitio web "unicamente en inglés" contribuíu a levantar "serias dúbidas" sobre o compromiso do Goberno local coa lingua.
Fonte: BBC
Un proxecto aspira a manter viva unha lingua crioula de Colombia
Desde 1989, o palenque, lingua crioula de base española con influencias do portugués e falas africanas e falada no municipio colombiano de San Basilio de Palenque, comezou a revivir nas aulas de primaria co obxectivo de perpetuarse na comunidade. Hoxe en día, algúns deses alumnos de antano son os encargados de alfabetizar 500 maiores na súa lingua materna.
Fonte: El Tiempo
Florece o ensino da lingua inglesa no Kurdistán iraquí
O ensino da lingua inglesa está a florecer entre as novas xeracións de kurdos do Kurdistán iraquí, dada a boa consideración que se ten desta lingua á hora de buscar oportunidades de traballo e un mellor futuro.
Fonte: The Kurdish Globe
O Tribunal Constitucional de Letonia aproba a celebración do referendo sobre a oficialización da lingua rusa
O Tribunal Constitucional de Letonia decidiu autorizar o referendo sobre a oficialización da lingua rusa. A Comisión Electoral ditaminou que se celebrará o próximo 18 de febreiro.
Fonte: Ria Novosti
Unha prisión inglesa impide a un preso galés falar a súa lingua materna nas chamadas coa familia
Martin Tate, natural de Caernarfon, no norte de Gales, está a cumprir unha condena de 16 meses na prisión inglesa de Stockton-on-Tees e afirma que non pode falar galés coa súa familia. O servizo penitenciario declarou que pode usar a súa lingua materna sempre que o comunique cunha antecedencia de 48 horas.
Fonte: BBC
O primeiro ministro ruso propón a introdución de probas obrigatorias de lingua e cultura rusas para inmigrantes
O primeiro ministro ruso, Vladimir Putin, opina que todos os inmigrantes que cheguen a Rusia a partir de 2013 deberán realizar probas obrigatorias de lingua, literatura e historia rusas.
Fonte: Russia-media
O Instituto Vasco Etxepare acode ás feiras internacionais Midem e Expolangues
No seu afán por dar a coñecer a lingua e cultura vascas no ámbito internacional, o Instituto Vasco Etxepare estará presente tamén este ano en diversas feiras internacionais.
Fonte: Xornal de Galicia
Organízanse obradoiros en Australia co obxectivo de espallar o coñecemento sobre as linguas indíxenas
Segundo datos ofrecidos pola Oficina Australiana de Estatística, antes do asentamento europeo, existían en Australia máis de 250 linguas indíxenas. Hoxe en día, só sobrevive pouco máis da metade destas e moitas están seriamente ameazadas, aínda que existen iniciativas que tentan mudar esta tendencia. No estado de Queensland, estanse a organizar obradoiros que teñen como obxectivo espallar o coñecemento sobre estas linguas.
Fonte: ABC
Boletín
Subscríbase ao boletín