Mundo

A Universidade de Utrecht nos Países Baixos quere pechar o centro de estudos portugueses

Os Países Baixos perderán o único curso universitario de portugués existente no país xa que a Facultade de Humanidades da Universidade de Utrecht pretende pechar o centro de estudos portugueses en 2014.

Fonte: RNW

Organizacións esixen a oficialización do mapuche na rexión chilena de Araucania

Co gallo do Día Internacional da Lingua Materna, terá lugar en Temuco, a capital da rexión chilena de Araucania, unha mobilización para esixir a protección da lingua mapuche. As organizacións convocantes defenden a necesidade de garantir a oficialización da lingua na rexión.

Fonte: Mapuexpress

Catro consellos rexionais de Francia apoian a carta para o desenvolvemento da lingua occitana

Catro consellos rexionais sumáronse á Carta de cooperación interrexional e transfronteiriza para o desenvolvemento da lingua occitana. O texto salienta a cooperación de todos os territorios de fala occitana para garantir o futuro da lingua.

Fonte: Nationalia

Os letóns rexeitan o ruso como segunda lingua oficial

Os votantes letóns rexeitaron masivamente a proposta que pretendía adoptar o ruso como segunda lingua oficial de Letonia, frustrando un referendo que puxo de relevo as tensións étnicas e políticas que aínda permanecen no país báltico máis de vinte anos despois do derrubamento da Unión Soviética.

Fonte: The New York Times

O catalán é a décimo cuarta lingua máis falada na Unión Europea

A Plataforma pola Lingua anunciou no informeCAT que o catalán é a décimo cuarta lingua máis falada da Unión Europea con case 10 millóns de falantes e a vixésimo sétima con máis importancia económica.

Fonte: El Mundo

Cómpre desenvolver novos mecanismos para evitar a desaparición das linguas indíxenas do estado mexicano de Oaxaca

O director do Centro de Desenvolvemento e Estudo das Linguas Indíxenas do estado mexicano de Oaxaca, Óscar Méndez Espinoza, sinalou que non existen políticas públicas suficientes para brindar protección ás cinco linguas indíxenas ameazadas no estado (chocholteco, ixcateco, chontal, zoque e cuicateco).

Fonte: Noticias Net

O Concello da cidade de Taipei lanza un sistema de aprendizaxe de linguas indíxenas

O Concello da cidade taiwanesa de Taipei lanzou un sistema electrónico para aprender linguas indíxenas en escolas de ensino primario que ofrece cursos en tres linguas da illa: atayal, saisiyat e puyuma.

Fonte: Taipei Times

Unha misión de líderes saami visita Israel para aprender novos métodos que permitan salvar a súa lingua

Os aproximadamente 100 000 membros da minoría saami, que viven nunha extensa rexión localizada no norte de Noruega, Suecia, Finlandia e algunhas partes de Rusia, teñen unha tarefa difícil por diante: preservar os dialectos da súa lingua antes de que a asimilación os suprima para sempre. Unha misión de líderes saami chegou a Israel para aprender como o país de Oriente Medio converteu o hebreo moderno nunha lingua de éxito en 100 anos e, ao mesmo tempo, analizar o modo de aplicar o programa de estudo ulpán á aprendizaxe de linguas a novos estudantes.

Fonte: The Jerusalem Post

O dialecto de Xangai loita por sobrevivir

O número de falantes da lingua de Xangai, en China, está diminuíndo. Dado que o Goberno chinés continúa promovendo o mandarín como lingua oficial e prohibe os dialectos locais nas retransmisións dos medios de comunicación e nas escolas, moitos mozos xa non poden falar con fluidez a lingua nativa de Xangai. A influencia de emigrantes vidos de fóra e a internacionalización da cidade tamén contribúen a debilitar a lingua local.

Fonte: AFP

A informática e internet axudan as linguas ameazadas na súa loita pola supervivencia

Moitos falantes e científicos están botando man dos recursos que ofrece a informática e internet para salvar linguas ameazadas de extinción. Con motivo dunha conferencia sobre ciencias na cidade canadense de Vancouver, equipos de lingüistas presentaron programas e dicionarios en liña que axudan a preservar rexistros sonoros ou frases e palabras destas linguas.

Fonte: Cruzeiro do Sul

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder