Mundo
Un profesor universitario alerta de que o bilingüismo está "acabando" co irlandés nas zonas de fala irlandesa
Segundo un profesor da Universidade Nacional de Irlanda en Galway, Conchúr Ó Giollagáin, o bilingüismo nas zonas de fala irlandesa (Gaeltacht) está a "acabar completamente coa lingua" e defende que o bilingüismo en épocas máis tardías, segundo o cal a educación dos nenos se realiza en irlandés exclusivamente, podería contrarrestar o risco de desaparición da lingua.
Fonte: Irish Times
A lingua chinesa é cada vez máis popular en Portugal
Emigrar para a China é unha porta que algúns mozos portugueses non queren pechar. Por iso, son cada vez máis os que procuran falar a lingua nativa chinesa. José Fabrica, alumno de linguas e relacións empresariais da Universidade de Aveiro, estuda o chinés mandarín e explica que se decidiu a aprendelo "porque, como toda a xente sabe, é unha lingua e cultura en auxe".
Fonte: Jornalismo Porto Net
Estudantes tibetanos demandan libros na súa lingua materna no leste do Tibet
Estudantes da escola tibetana de Rebkong, no leste do Tibet, protagonizaron unha importante protesta para esixir os seus dereitos lingüísticos despois de recibir libros de texto en lingua chinesa.
Fonte: Phayul
Novos dicionarios bilingües promoven as linguas vernáculas da India
A campaña india para preservar as linguas vernáculas e facer máis accesible o coñecemento aos estudantes deu un importante paso adiante coa publicación dunha nova serie de dicionarios bilingües do inglés ao hindi, bengalí, oriá, malabar, támil e canarés. Estes seis dicionarios pertencen ao primeiro lote dun total de once nos que está a colaborar o Goberno indio xunto con Pearson Education, un líder mundial de publicacións educativas.
Fonte: Zeenews
Publícase un novo dicionario bilingüe italiano-friulano
Os responsables políticos da rexión friulana en Italia consideran como un "acontecemento histórico" a publicación do novo dicionario bilingüe italiano-friulano, con 7028 páxinas e 62 000 entradas en italiano e 63 500 en friulano. O presidente da rexión, Renzo Tondo, dixo que o dicionario é unha "obra monumental" que marca "unha etapa fundamental na política lingüística do Friúl".
Fonte: Nationalia
O Consello da Lingua Galesa pensa que o galés precisa o dobre de diñeiro público para sobrevivir
O Goberno galés debe dobrar o seu investimento na lingua galesa para garantir a súa supervivencia, afirmou o Consello da Lingua Galesa mentres se prepara para pechar as súas operacións despois de 18 anos.
Fonte: Wales Online
As escolas de inmersión lingüística manteñen viva a lingua vernácula de Hawai
En 1984, o hawaiano estaba en grave perigo de extinción e contaba con aproximadamente 2000 falantes, a maioría persoas maiores. Para mudar esta situación, un grupo de pedagogos creou as escolas de inmersión en lingua hawaiana, nas que os estudantes reciben todas as materias nesta lingua. Dunha única escola elemental de inmersión en 1987, pasouse aos 20 campus que existen na actualidade en todo o estado de Hawai.
Fonte: Honolulu Magazine
A lingua nativa de Paraguai goza dunha vitalidade única en Latinoamérica
Paraguai é o único país do continente americano onde a maioría da poboación fala unha lingua indíxena: o guaraní. Está consagrada na Constitución e oficialmente posúe igualdade de condicións coa lingua da conquista europea: o español. Nas rúas é unha fonte de orgullo nacional.
Fonte: The New York Times
O candidato republicano á presidencia dos Estados Unidos di que Porto Rico debe falar inglés para converterse nun estado
O candidato republicano a presidente dos Estados Unidos, Rick Santorum, dixo en Porto Rico que a poboación local precisa adoptar o inglés como primeira lingua se quere converterse nun estado dos Estados Unidos, algo que contradiría a Constitución estadounidense.
Fonte: Terra
Incrementarase o número de estudantes de linguas estranxeiras no ensino secundario do Reino Unido
Un maior número de alumnos do ensino secundario británico escollerá linguas estranxeiras como o francés, español e alemán despois de que o Goberno introducira o bacharelato inglés no sistema educativo.
Fonte: The Telegraph
Boletín
Subscríbase ao boletín