Mundo
Os nenos que falan inglés como primeira lingua son minoría en 1600 escolas de Inglaterra
O número de nenos que teñen o inglés como lingua materna son agora minoría en máis de 1600 escolas de Inglaterra. Os novos datos mostran que case un millón de nenos das escolas inglesas non teñen o inglés como a súa primeira lingua. O punxabi é o primeiro idioma máis frecuente destes alumnos.
Fonte: Mail Online
Impartirase unha licenciatura en lingua e cultura portuguesas na provincia chinesa de Hainan
O Centro de Cooperación Internacional en Educación ofrecerá unha licenciatura en lingua e cultura portuguesas na provincia chinesa de Hainan. Os estudantes terán a oportunidade de cursar o último ano da licenciatura en Portugal e poderán escoller entre dúas vías de especialización: Xestión Turística e Tradución e Interpretación do portugués ao chinés e viceversa.
Fonte: CNoticías
Unha proposta para usar as linguas indíxenas nas escolas de Timor Leste divide a sociedade timorense
Unha proposta para adoptar o uso das linguas indíxenas nas escolas primarias de Timor Leste está a dividir os membros gobernamentais, a sociedade civil e os educadores do país. Os defensores desta proposta declaran que os nenos desenvolven mellor as súas habilidades cognitivas cando aprenden na lingua que falan na casa durante os seus primeiros anos educativos e non nas linguas nacionais, o tetún e o portugués, que se empregan menos en contextos comunitarios.
Fonte: IRIN
Un dicionario en liña axuda a preservar unha lingua nativa do estado norteamericano de Minnesota
O Departamento de Estudos Indio-americanos publicou recentemente un novo dicionario en liña na lingua ojibwe. Trátase dun motor electrónico de busca de máis de 30 000 palabras na lingua ojibwe falada nos estados norteamericanos de Minnesota, Wisconsin e nas comunidades limítrofes canadenses.
Fonte: Minnesota Daily
O Senado boliviano aproba unha lei de apoio ás linguas indíxenas
A Cámara de Senadores de Bolivia sancionou a Lei xeral de dereitos e políticas Lingüísticas que ten como obxectivo recoñecer, protexer e promover os dereitos lingüísticos de todos os habitantes de Bolivia.
Fonte: La Prensa
O Estado portugués non cubrirá os gastos do ensino do portugués no estranxeiro
Os emigrantes portugueses en Europa pagarán ao Estado portugués 120 euros anuais por cada fillo que asista a clases de lingua materna nos países onde vivan. Estas clases eran ata agora de balde. A Constitución portuguesa establece que incumbe ao Estado asegurar o ensino da lingua portuguesa aos fillos dos emigrantes.
Fonte: Público
Angola apoia o Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa
O director da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) no Ministerio de Asuntos Exteriores de Angola, Oliveira Encoge, afirmou que este país africano apoia a sinatura do acordo ortográfico, por considerar oportuno estudar a lingua falada no país e actualizala aos novos moldes do desenvolvemento lingüístico.
Fonte: Angola Press
Un lingüista denuncia a perda de falantes de guaraní nos centros urbanos de Paraguai
Nas tres cidades máis poboadas de Paraguai, Asunción, Ciudad del Este e Encarnación, estase a perder o guaraní, denunciou o lingüista español Bartomeu Melià.
Fonte: Diario Vanguardia
Os dialectos chineses perden forza entre a mocidade
Unha enquisa mostra que se reduciu o número de cidadáns chineses que falan dialectos, segundo informa o diario Zhongguo Qingnian Bao. Un exemplo sería o dialecto da cidade de Xangai que podería desaparecer xa que moitos rapaces novos non poden falalo.
Fonte: Spanish China Org
O último censo da República de Irlanda mostra que o irlandés é a terceira lingua máis usada no país
Segundo os primeiros resultados definitivos do censo de 2011 da República de Irlanda, case 82 600 persoas (un 1,8 % da poboación) fala irlandés todos os días fóra da escola. É a terceira lingua máis usada no país, despois do inglés e o polaco.
Fonte: RTE News
Boletín
Subscríbase ao boletín