Mundo
Un de cada 40 diplomáticos británicos fala con fluidez a lingua do país no que traballa
Só un de cada 40 diplomáticos do Reino Unido pode falar con fluidez a lingua do país no que traballa e a maioría mesmo carece de coñecementos básicos para os intercambios comunicativos do día a día. Algunhas embaixadas británicas, como a de Acerbaixán, Bielorrusia, Cuba, Exipto, Malaisia e Filipinas non contan con diplomáticos que falen a lingua local.
Fonte: The Telegraph
Chechenia celebrará o seu festival da lingua chechena
O presidente da República de Chechenia, Ramzan Kadyrov, asinou un decreto polo que se aproba a celebración do festival da lingua chechena. Con motivo deste acontecemento, a república organizará concursos de relatos e poemas, así como conferencias e competicións que terán como principal protagonista a lingua chechena.
Fonte: Vestnik Kavkaza
Pequín mostra entusiasmo pola aprendizaxe de linguas estranxeiras
Máis de 700 institucións de ensino de idiomas estranxeiros establecéronse na capital chinesa (Pequín) para animar a poboación a aprender outro idioma, anunciou o comité organizador do programa "Pequín fala linguas estranxeiras”.
Fonte: Spanish China.org
A introdución das linguas nacionais no ensino de Angola garante a preservación da cultura
O sociólogo Lencaster José Garcia defendeu que a introdución das linguas vernáculas angolanas no ensino vai garantir a preservación da cultura nacional e facilitar o desenvolvemento da ciencia e a tecnoloxía.
Fonte: ANGOP
Líderes empresariais de Gales defenden que o ensino só en galés podería incidir negativamente na economía
Líderes empresariais de Gales defenden que os plans para eliminar o ensino en inglés nun importante bastión da lingua galesa poderían incidir negativamente na economía, xa que sería un obstáculo para que potenciais negocios se establecesen na zona.
Fonte: Wales Online
Un grupo empresarial alerta de que a economía británica precisa que os nenos aprendan linguas estranxeiras
Un importante grupo empresarial británico declarou que a aprendizaxe dunha lingua estranxeira debe ser obrigatoria ata os 16 anos co fin de que o Reino Unido poida desenvolver negocios e crear oportunidades no estranxeiro.
Fonte: The Telegraph
Os brasileiros perden bolsas de estudo fóra do país por non saberen linguas estranxeiras
O ministro brasileiro de Educación, Aloizio Mercadante, recomendou aos estudantes que pretenden obter bolsas de estudo fóra do país no programa "Ciencias sen fronteiras", que estuden linguas estranxeiras para facilitar o proceso de ingreso nas institucións internacionais.
Fonte: Último segundo
Unha lingua do estreito de Ormuz en Omán está en perigo de extinción
Na aldea illada de Kumzar, na entrada do estreito estratéxico de Ormuz (Omán), unha rexión pola cal circula o 35 % do petróleo mundial, os habitantes falan un idioma indoeuropeo único, o kumzari, que está ameazado de extinción.
Fonte: Veja
Algúns municipios do Reino Unido pagan clases extraescolares de linguas faladas pola comunidade inmigrante
Algúns dos municipios máis pobres do Reino Unido gastaron millóns de libras esterlinas en clases extraescolares de linguas como o bengalí, urdú ou árabe en mesquitas e centros sociais para que os nenos de familias inmigrantes aprendan as linguas maternas dos seus pais.
Fonte: Express
Un programa universitario tenta salvar a lingua mohawk de Canadá

Estímase que só 3000 persoas no mundo falan con fluidez a lingua mohawk. Un programa educativo organizado pola Universidade McGill, en Canadá, forma titulados que están a aumentar o número de falantes desta lingua nativa canadense.
Fonte: Montreal Gazette
Boletín
Subscríbase ao boletín