Mundo
Milleiros de persoas participan na Rith, carreira masiva pola lingua irlandesa

A Rith ("carreira", en irlandés) é unha carreira de dez días que se celebra entre o 8 e o 17 de marzo por 200 cidades e vilas de Irlanda (tanto da República como de Irlanda do Norte). Segundo os organizadores, o obxectivo é "celebrar a lingua e cultura irlandesas dunha maneira visual, divertida e baseada na comunidade" e "recadar diñeiro para crear un novo fondo para promover a lingua".
Fonte: Nationalia
O Goberno italiano cambia o texto sobre a ratificación da Carta das Linguas Rexionais ou Minoritarias
O Consello de Ministros di agora que só se aceptou unha proposición de lei sobre a ratificación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias despois de que se anunciase a súa aprobación. O asunto aínda ten que tratarse no Parlamento. Unha organización sarda pide a Roma que axilice a aprobación do texto "polo interese da democracia e o respecto aos dereitos civís".
Fonte: Nationalia
O hindi terá 20 millóns de falantes fóra da India dentro de dez anos
O hindi, a lingua máis falada na India, dobrará ata os 20 millóns o número de persoas que o falarán no estranxeiro nos próximos dez anos.
Fonte: ABC
O Goberno chileno crea un programa para salvar as linguas indíxenas
Só un 12 % dos membros dos pobos orixinarios de Chile fala e entende as súas linguas, cifra que diminúe anualmente o que podería significar a desaparición dalgunhas destas linguas de aquí ao ano 2030. Para evitar isto, o Goberno chileno iniciou un programa educativo especial de rescate das linguas indíxenas.
Fonte: Radio Uchile
China quere duplicar o número de estudantes de portugués
O viceministro chinés de Educación, Hao Ping, desafiou a Universidade de Lisboa a duplicar nos próximos anos o ensino de portugués na China.
Fonte: Público
Celebraranse manifestacións en Europa para reivindicar protección para as linguas rexionais de Francia
Dous recentes acontecementos, a agresión por parte dun Garda Civil a un falante de catalán por falar en catalán e o ataque a un neno pertencente a unha minoría nacional polaca por falar en polaco en Vilnius (Lituania), serven para subliñar a necesidade de protexer seriamente as minorías nacionais e lingüísticas europeas fronte á discriminación. O 31 de marzo celebraranse diversas manifestacións a prol dos dereitos lingüísticos básicos dos falantes de linguas "rexionais" nos territorios franceses.
Fonte: Euskara Guipuzkoan
O ensino do español axuda aos inmigrantes mexicanos de Nova York a aprender inglés
Máis dunha ducia de grupos voluntarios dos arredores da cidade de Nova York ofrece clases para adultos de alfabetización en español co fin de axudar a inmigrantes mexicanos a aprenderen inglés. Os organizadores afirman que a maior parte dos alumnos asistiron á escola só uns anos nos seus países de orixe e nunca aprenderon a ler e escribir. "Non podemos enviar as persoas a clases de inglés se aínda non saben ler nin escribir en español", dixo Gonzalo Mercado, director executivo do Centro do Inmigrante en State Island.
Fonte: New York Daily News
Científicos e informáticos traballan nun tradutor “automático” de lingua de signos
As persoas xordas signantes disporán dunha nova ferramenta que lles facilitará comunicarse, máis ou menos, con outras persoas que non coñecen as linguas de signos.
Fonte: Diario Signo
Facebook estará dispoñible na lingua de Jersey, unha das illas da canle da Mancha
Un experto na lingua falada de Jersey, Tony Scot-Warren, espera que a tradución do Facebook á lingua nativa da illa poida axudar a revivir a lingua. Facebook está xa dispoñible en 71 linguas e aspira a engadir o dialecto normando da illa (ou "jerriais") a esta lista.
Fonte: BBC
Un comité da Cámara dos Lores opina que todos os nenos deben aprender linguas estranxeiras no Reino Unido
Un comité da Cámara dos Lores británica afirmou que todos os nenos deberían aprender linguas estranxeiras na escola primaria e secundaria. O secretario de Educación do Reino Unido, Michael Gove, é tamén partidario de aprender linguas desde os cinco anos de idade.
Fonte: BBC
Boletín
Subscríbase ao boletín