Mundo
O coñecemento da lingua persa estimula as relacións entre Irán e Paquistán
A aprendizaxe da lingua persa está medrando en Paquistán o que podería mellorar as relacións bilaterais entre este país e o veciño Irán, declarou o embaixador iraniano, Hali Raza Haqiqian, na sesión de clausura dun obradoiro organizado polo Instituto de Estudos Persas.
Fonte: Pakistan Observer
Guinea Ecuatorial reforza os seus vínculos coa lingua portuguesa
Despois de que Guinea Ecuatorial declarase o portugués como lingua oficial coa intención de estreitar lazos con outros países lusófonos e integrarse na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), o país africano asinou agora un Convenio de Cooperación Técnica co Instituto Internacional da Lingua Portuguesa. Por medio deste acordo un grupo de lingüistas lusófonos viaxará a Guinea Ecuatorial para estudar a lingua crioula de base portuguesa da provincia de Annobón que era unha illa inhabitada antes de que os portugueses a colonizaran no século XV.
Fonte: Language Magazine
Un proxecto radiofónico achega esperanza ás linguas étnicas ameazadas de Camboxa

Unha iniciativa radiofónica está rescatando da escuridade e da ameaza de extinción as linguas minoritarias de Camboxa. O proxecto conta co apoio da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) para salvagardar o patrimonio cultural do país asiático.
Fonte: The Phnom Penh Post
Rusia esixirá que o ruso teña estatuto oficial na UE
Rusia esixirá que a UE conceda ao idioma ruso un estatuto oficial, anunciou o viceprimeiro ministro, Dmitri Rogozin. En particular, defendeu que a lingua rusa debe ser recoñecida como oficial ou rexional en todos os lugares onde estean presentes numerosas comunidades de fala rusa.
Fonte: Voz da Rússia
Unha nena recibe un castigo por falar a súa lingua no estado norteamericano de Wisconsin
Unha nena nativa americana recibiu un castigo por falar en menominee (a lingua do pobo do mesmo nome) nunha escola da cidade de Shawano no estado de Wisconsin nos EUA.
Fonte: The Star
Unha serie de iniciativas da Universidade de Sassari (Sardeña) promoverá a lingua sarda
A valorización e o ensino da lingua sarda e doutras linguas minoritarias de Sardeña son o obxectivo principal dunha serie de iniciativas organizadas pola Universidade italiana de Sassari.
Fonte: Alguer
As medidas de austeridade ameazan a lingua irlandesa
Grupos de apoio á lingua irlandesa na República de Irlanda estanse manifestando contra os efectos que os recortes económicos teñen na lingua. En concreto, están preocupados polo impacto negativo que estes exercen na situación actual da lingua e que poderían pór en perigo as políticas de promoción e normalización actuais.
Fonte: Irish Times
Twitter e Google+ inclúen máis linguas nos seus dominios
As redes sociais Google+ e Twitter anunciaron que engadirían novas linguas aos seus dominios. Twitter notificou a inclusión de catro novas linguas (árabe, persa, hebreo e urdu), mentres que a rede social de Google, Google+, está agora dispoñible en 60 linguas fronte ás 44 que incluía previamente.
Fonte: TechCircle
Un deputado do Parlamento británico esixe a oficialidade da lingua gaélica
O Goberno do Reino Unido está baixo presión para conceder á lingua gaélica o mesmo status nacional do que gozan o inglés e o galés. Un deputado laborista do Parlamento británico iniciou unha campaña para pór fin á "discriminación" que o gaélico padece por parte de Westminster.
Fonte: The Press and Journal
Morre a última falante dunha lingua nativa do estado norteamericano de Oregón
Gladys Thompson, a última falante dunha das linguas nativas (o kiksht) do estado de Oregón, nos EUA, morreu aos 97 anos de idade. Naceu na reserva india de Warm Springs en 1915 e aprendeu o kiksht dos seus pais. O Goberno de Oregón condecorouna no ano 2007 pola súa contribución á preservación da cultura nativa.
Fonte: OPB News
Boletín
Subscríbase ao boletín