Mundo
Nomean un grupo de expertos para asesorar a nova comisaria do galés
Dous antigos directores de escola foron nomeados asesores da nova comisaria do galés, Meri Huws. Estes dous cargos forman parte dun panel consultivo no marco da Medida da lingua galesa de 2011 e teñen unha duración de tres anos.
Fonte: Wales Online
Un programa ofrecerá a lingua gaélica a nenos do condado escocés de Caithness
Un concelleiro das Terras Altas de Escocia deu a benvida a un programa que ofrecerá educación en gaélico a nenos e nenas do condado escocés de Caithness. O representante local de Caithness, David Flear, declarou que existe unha demanda para este servizo na zona, xa que hai familias que desexan que os seus nenos aprendan por medio da lingua gaélica.
Fonte: John O'Groat Journal
Un candidato a gobernador do estado mexicano de Iucatán propón rescatar a lingua maia
O candidato a gobernador do estado mexicano de Iucatán, Eric Villanueva Mukul, propuxo elevar o estatuto do ensino da lingua maia e incorporala en todos os niveis educativos, co fin de converter a Iucatán no primeiro estado bilingüe de México.
Fonte: NTR Zacatecas
O comisario da lingua irlandesa alerta que a lexislación a favor do irlandés está en crise
O comisario da lingua irlandesa da República de Irlanda, Seán Ó Cuirreáin, alertou que un dos elementos fundamentais da lexislación lingüística do Estado está en "crise". Mesmo o departamento gobernamental responsable da lingua irlandesa, o Departamento de Arte, Patrimonio e Gaeltacht (zonas de fala irlandesa), non conta cun programa formal actualizado para aplicar os elementos máis importantes da Lei de linguas oficiais.
Fonte: Irishtimes
Un informe mostra que o islandés queda atrás na adaptación ás novas tecnoloxías
A lingua islandesa recibiu unha puntuación baixa nun informe que analiza a posición das linguas respecto ás novas tecnoloxías en 30 países europeos. Os resultados agrupáronse en varias categorías e na maioría dos casos o islandés recibiu a nota máis baixa.
Fonte: Iceland Review
O número de auxiliares de lingua estranxeira subirá un 20 % en Escocia
O número de auxiliares de lingua estranxeira en Escocia ascenderá case un 20 % por primeira vez en sete anos. A oficina do British Council en Escocia informa que haberá 70 auxiliares o próximo ano, 46 en escolas públicas e 24 en centros privados.
Fonte: Scotsman
O presidente de Kazakhistán non considera a lingua estatal un asunto político
O presidente de Kazakhistán, Nursultan Nazarbayev, considera que o asunto da lingua estatal non debe ser tema de especulación política. Así mesmo, salientou a necesidade de promover a aprendizaxe das linguas estranxeiras no país.
Fonte: Interfax
Angola ten 95 novos instrutores de lingua de signos
En Luanda tivo lugar o terceiro curso de lingua de signos angolana e 95 novos profesores están agora preparados para contribuír ao proceso de ensino no país, particularmente no campo das necesidades educativas especiais.
Fonte: ANGOP
Un partido político opina que o húngaro debería ser oficial nalgunhas zonas de Transilvania dentro de 20 anos
O secretario xeral da Alianza Democrática dos Húngaros en Romanía (UDMR), Péter Kovács, declarou que o seu partido espera converter o húngaro nunha lingua oficial dalgunhas zonas de Transilvania. Citou os condados de Bihor, Satu Mare e Salaj (os tres en Transilvania occidental, na fronteira con Hungría) como algúns dos lugares onde o maxiar debería ser oficial.
Fonte: Nationalia
O Goberno de Filipinas aplicará un programa de educación baseado na lingua materna para salvar as linguas nativas do país
Un máximo de 50 linguas nativas de Filipinas poderían perderse nun período de 20 anos, segundo informou Artemio Barbosa, antropólogo do Museo Nacional de Filipinas. O Ministerio de Educación aplicará desde comezos do próximo ano académico un novo plan educativo polo que 12 das linguas nativas máis faladas substituirán o inglés e o filipino como linguas de instrución.
Fonte: AFP
Boletín
Subscríbase ao boletín