Mundo

Só un 11 % da mocidade indíxena chilena fala e entende a súa lingua nativa

UNICEF (Fondo das Nacións Unidas para a Infancia) e o Ministerio chileno de Desenvolvemento Social publicaron un estudo sobre a mocidade indíxena de Chile. O informe amosou que un 89 % dos menores indíxenas deste país non fala nin entende a súa linga orixinaria.

Fonte: Indigenous News

A falta de competencias lingüísticas dos estudantes británicos preocupa ás universidades

O ensino de linguas estranxeiras está en crise en moitas zonas do Reino Unido. A aprendizaxe do francés, alemán e español está a piques de desaparecer de moitas escolas. As inscricións en francés caeron un 59 % desde 2001, pasando de 347 000 a 141 800 alumnos. Tamén o español e o italiano, que eran materias que gozaban dunha relativa saúde hai poucos anos, perderon forza o ano pasado.

Fonte: The Australian

Un método de ensino dunha universidade de California explota as semellanzas entre as linguas románicas

Un programa dunha universidade de California ensina linguas como o francés e o italiano a partir das súas semellanzas co español, unha idea que está logrando grandes éxitos entre os hispanos da rexión.

Fonte: Latin American Herald Tribune

A Academia Norteamericana da Lingua Española renova o seu convenio co Goberno estadounidense para mellorar o uso do español

A Academia Norteamericana da Lingua Española (ANLE) renovou o seu convenio coa Administración de Servizos Xerais para colaborar coa mellora e a normalización do uso da lingua española nas comunicacións do Goberno federal.

Fonte: CapitalWirePR

A Universidade india de Gauhati desenvolve aplicacións informáticas en linguas indíxenas

Nun intento por facer que a sociedade en xeral sexa parte da revolución dixital e que a tecnoloxía sexa máis viable e accesible para as persoas que non están familiarizadas co inglés, a Universidade de Gauhati, en colaboración co Consorcio de Información Lingüística para as Linguas Indias, busca fórmulas para desenvolver aplicacións electrónicas nas linguas indíxenas, nun principio en asamés e bodo.

Fonte: The Times of India

O ministro de Arte e Cultura de Sudáfrica afirma que os organismos públicos deben utilizar polo menos tres linguas

De acordo coa obriga constitucional do Goberno de Sudáfrica de garantir a igualdade de condicións entre as linguas oficiais, deben utilizarse polo menos tres linguas nos organismos públicos, incluíndo empresas públicas como Eskom, segundo afirmou o ministro de Arte e Cultura, Paul Mashatile.

Fonte: Business Day

Irán inaugura a primeira canle de televisión en español do Oriente Medio

O presidente de Irán, Mahmud Ahmadineyad, inaugurou oficialmente unha canle de televisión por satélite en español. Hispan TV, que así se chama a empresa de comunicación, é a primeira canle en español que emite desde o Oriente Medio, e retransmitirá noticias, documentais e películas iranianas as 24 horas.

Fonte: The Guardian

Un estudo mostra que a maioría dos cidadáns da Unión Europea están marxinados por causa da lingua

Un estudo mostrou que a maioría dos cidadáns da Unión Europea están discriminados porque non falan inglés, a lingua na que se desenvolve a maior parte das operacións oficiais comunitarias. Shlomo Weber da Universidade Southern Methodist en Dallas e Victor Ginsburgh da Universidade Libre de Bruxelas afirman que para os falantes comunitarios doutras linguas diferentes ao inglés, as súas linguas nativas teñen un uso limitado nas actividades empresariais, legais e políticas do ente comunitario.

Fonte: UPI

As universidades canadenses demandan profesores de lingua irlandesa

A Fundación Universitaria de Irlanda e Canadá ofrece bolsas académicas destinadas a apoiar o ensino da lingua irlandesa nalgunhas universidades canadenses.

Fonte: Careers portal

Unha antiga parlamentaria de Nova Zelandia demanda a oficialidade das linguas nativas das illas neozelandesas

A antiga parlamentaria laborista neozelandesa, Winne Laban, demandou que as linguas das illas de Toquelau, Niue e Illas Cook teñan status oficial en Nova Zelandia.

Fonte: TVNZ

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder