Mundo
O programa de estudos vascos de varias universidades estadounidenses promove a lingua e cultura vascas
A poboación de orixe vasca foi primordial para o desenvolvemento e o crecemento do estado americano de Idaho e aínda é unha das maiores comunidades da cidade de Boise, cunha poboación de 15 000 persoas segundo o censo de 2010. A Universidade do Estado en Boise, xunto coa Universidade de Nevada en Reno, son as únicas universidades estadounidenses que imparten programas de estudos vascos e ofrecen, tanto aos estudantes como á poboación de orixe vasca, a posibilidade de aprenderen a súa lingua e cultura.
Fonte: Arbiter Online
Defensores da lingua galesa esixen a recuperación do carácter bilingüe das actas da Asemblea Nacional de Gales
Os defensores da lingua galesa esixiron o restablecemento inmediato do carácter bilingüe das actas dos debates da Asemblea Nacional de Gales que, actualmente, só traduce as contribucións que fan os membros do galés ao inglés e non viceversa. Os activistas cren que esta situación está socavando a lingua galesa que comparte co inglés o mesmo status despois de que os membros da Asemblea aprobasen unha lei que así o establecía.
Fonte: Wales Online
A lingua do grupo étnico dos miao está a piques de desaparecer en China
Na aldea de Xiaomaopoying, na provincia de Hubei, no centro de China, viven 407 persoas do grupo étnico dos miao. O Goberno local designou a aldea como o único lugar da provincia destinado á preservación da lingua da comunidade miao. Porén, dado que cada vez máis rapaces abandonan o lugar natal para traballar nas cidades, na actualidade, menos dun cento dos habitantes da aldea empregan a lingua nativa.
Fonte: Xinhuanet
Arredor de 150 000 alumnos aprenden portugués fóra de Portugal
Portugal asegura que o ensino da lingua e cultura portuguesas está implantado en 73 países do mundo, un sistema que cobre actualmente máis de 150 000 alumnos e que o Goberno portugués quere reestruturar completamente nos próximos seis meses.
Fonte: Tvi24
Os indios de Mato Grosso no Brasil usan a escola como medio para manter viva a lingua nativa
A pesar de que os indios umutinas de Mato Grosso adoptaran o portugués como primeira lingua, manteñen a esperanza de rescatar a súa lingua indíxena por medio do seu ensino na escola da aldea na que viven. Neste centro, alén da lingua orixinal, os alumnos aprenden a música e as tradicións dos indios. No Brasil, estímase que das 1300 linguas indíxenas diferentes que se falaban no ano 1500, sobreviven só preto de 180.
Fonte: G1 Globo
A Universidade de Bangor lidera a iniciativa de acadar un Gales bilingüe
A declaración formal do Goberno galés de outorgar o mesmo status ás linguas galesa e inglesa en Gales, a Iniciativa da Lingua Galesa 2011, representa un importante paso adiante non só para a política do País de Gales, senón tamén para a súa educación, cultura e economía. Neste contexto, a Universidade de Bangor, no norte de Gales, está á fronte dos avances no ensino en lingua galesa na educación superior.
Fonte: Wales Online
O próximo primeiro ministro belga afrontará o reto de aprender neerlandés, a lingua maioritaria do país
Despois de máis de 530 días de negociacións políticas en Bélxica, o socialista Elio Di Rupo está a piques de liderar o Goberno belga. Malia que o país conta con bastantes problemas financeiros sen resolver, un dos maiores retos aos que se terá que enfrontar o futuro primeiro ministro non ten que ver coas cifras. Trátase de comunicar cunha gran parte dos belgas na súa propia lingua, o neerlandés, nesta nación dividida en dúas comunidades lingüísticas diferentes. Nun libro de entrevistas, prometeu que traballaría na mellora das súas competencias en neerlandés.
Fonte: The Washington Post
Publicarase unha nova rede social dedicada unicamente a falantes de irlandés
A nova rede social Abair Leat! está pensada para falantes e estudantes de gaélico irlandés. A creación desta nova ferramenta produciuse despois de que a escola Coláiste Lurgan de Galway decidise traballar con avances informáticos para que estudantes de gaélico puidesen preparar cursos de irlandés nos seus ordenadores persoais.
Fonte: Inside Ireland
O número de intérpretes en linguas indíxenas duplicarase en México
Actualmente existen en México 263 intérpretes certificados de linguas indíxenas, para unha poboación de máis dun millón que só falan a súa lingua nativa. A Comisión Nacional para o Desenvolvemento dos Pobos Indíxenas (CDI) e o Instituto Nacional de Linguas Indíxenas (Inali) subscribiron un convenio para incrementar o número de intérpretes e garantir a súa dispoñibilidade en procesos xudiciais.
Fonte: El Golfo
Reivindican en Nova Delhi o status de oficialidade para a lingua de signos
Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o Centro Nacional para a Promoción do Emprego para as Persoas con Discapacidade e a Asociación Nacional de Persoas Xordas reivindicaron o status de oficialidade para a lingua de signos e a formación das persoas para exercer como intérpretes de lingua de signos en lugares públicos.
Fonte: The Hindu
Boletín
Subscríbase ao boletín